13.7 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaSalceda de CaselasSalceda de Caselas premiada con dúas flores na súa primeira participación no...

    Salceda de Caselas premiada con dúas flores na súa primeira participación no certame ‘Vilas en flor’

    O Concello de Salceda de Caselas ven de recibir a distinción que outorga o certame ‘Vilas en flor’, que recoñece en forma de galardóns a traxectoria e as acción levadas a cabo polos municipios galegos na mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación medioambiental e a concienciación cidadá no coidado do entorno. Nesta primeira participación o Concello de Salceda recibiu dúas flores de honra, o que ven a avalar o traballo que se está a facer dende o Concello nos últimos anos, recoñecendo deste xeito as actuacións reais, conscientes e a longo prazo en materia de axardinamento, coidado do medio, e mellora da calidade de vida da veciñanza.

    Lucía Pereira, concelleira de Turismo de Salceda, salientaba a importancia de contar con espazos verdes abertos “para o desfrute tanto da nosa veciñanza como das persoas nos visitan dende outros Concellos, hoxe máis que nunca, coa situación de pandemia que estamos a vivir”.

    O pasado mes de outubro a Alcaldesa, Loli Castiñeira, e a Concelleira de Turismo, Lucía Pereira, acompañaron polo municipio ao xurado do certame, composto por persoas profesionais de recoñecido prestixio dos sectores do viveirismo, a xardinería e o paisaxismo, o turismo, a cultura e outros ámbitos relacionados con este programa en Galicia. O xurado recoñeceu o traballo realizado en aspectos como humanizacións de rúas, dotación de mobiliario urbano con elementos naturais ou creación de sendas fluviais e outros espazos verdes. Así mesmo, á hora de realizar a súa valoración, tamén puntuaron a creación de zonas de aparcadoiro disuasorias, fundamentais para obter un casco urbano ordenado.

    Salceda conta nestes momentos con 8 km de sendas fluviais e uns 90.000 metros cadrados de espazos verdes novos ou recuperados, e de zonas humanizadas, o que se traduce en 8 metros cadrados de zona verde por habitante, dato que foi valorado moi positivamente por parte do xurado. Para obter estes resultados, o Concello destina en torno a 100.000 € anuais para empresas externas, aos que hai que sumarlle todo o traballo realizado polo persoal propio.

    Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda, agradeceu o traballo das corporacións que a precederon “e do persoal de vías e obras, desbroces, recollida de lixo, limpeza de rúas, etc, así como as tarefas de mantemento de parques e xardíns que realiza ACEESCA nunha proposta de integración laboral de persoas con discapacidade”.

    “Salceda –afirmou a alcaldesa– está de noraboa, e este é un merecido premio ao traballo de moita xente que queremos agradecer. Hoxe máis que nunca, Salceda é de todos e de todas, e estas dúas flores de honra son unha boa mostra”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.