Sábado, 3 Maio de 2025

Salceda coloca 2 minipuntos limpos para residuos especiais

A Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Rubén González, vén de instalar dous minipuntos limpos fixos en sendas rúas do casco urbán de Salceda. Estarán situados na rúa Pontevedra, á altura da Praza de Abastos e na Praza da Devesa.

Este tipo de minipuntos servirán para que a veciñanza poida depositar ata sete tipos diferentes de residuos especiais como cápsulas de café, pilas, bombillas, CD, DVD, cartuchos de impresora, RAEES e teléfonos móbiles. Estes dispositivos de recollida axudarán a realizar a correcta reciclaxe deste residuos que son altamente contaminantes e que en moitos casos a cidadanía non podía reciclar de forma correcta.

Os contenedores de recollida indicarán de forma gráfica e sinxela en que lugar se teñen que depositar cada un dos residuos, aportando igualmente ás persoas que os utilizan, información de carácter medioambiental para dar a coñecer o seu proceso de reciclaxe.

Rubén González Coto, Concelleiro de Medio Ambiente declarou que “coa instalación destes minipuntos limpos damos un paso máis cara a innovación dentro do sistema de recollida de residuos do concello de Salceda de Caselas, logrando integrar dunha forma amable os puntos de recollida dentro da contorna urbana”.

Por outra banda, a súa parte frontal será utilizada pola Concellería de Comercio que dirixe a alcaldesa Verónica Tourón, como panel de información promocional sobre as actividades comerciais a realizar en Salceda, o que servirá para darlles unha maior cobertura ao sector comercial e hostaleiro.

Verónica Tourón Domínguez, alcaldesa de Salceda, rematou indicando “este modelo de minipuntos permite unha xestión de residuos máis responsable ao mesmo tempo que permite promocionar a actividade comercial local, dunha forma dinámica e integrada no mobiliario urbán do noso concello”.