Martes, 18 Marzo de 2025

Salceda celebra unha sesión extraordinaria da Xunta Local de Seguridade para tratar o problema de orde público das últimas fins de semana

A subdelegada de goberno Maica Larriba e a alcaldesa de Salceda, Verónica Tourón, presidiron onte xoves a Xunta Local de Seguridade Extraordinaria, convocada de xeito urxente para tratar a problemática de orde público que sufre a vila nestes últimos fins de semana. En concreto, abordouse a situación que se está a producir debido ás aglomeracións de persoas na rúa Pontevedra, nas intermediacións da zona de ocio nocturno.

Tal e como apuntouse na mesa de traballo, a situación intensifícase despois do peche dos locais á hora que esixe a lei, non permitindo o descanso e a boa convivencia da veciñanza.

Nestas aglomeracións prodúcense conductas que xa deron orixe a sancións por parte da Garda Civil e Policía Local que intensificaron a súa labor de vixilancia na última fin de semana. A pesar deste aumento da vixilancia o problema persiste, polo que a alcaldesa, Verónica Tourón solicitou apoio á Subdelegación do Goberno.

A alcaldesa tamén mantivo o pasado luns unha reunión cos representantes das comunidades de propietarios das vivendas da rúa Pontevedra e coas persoas responsables dos locais, tras as inquedanzas trasladadas pola veciñanza.

Na Xunta Local de Seguridade, nas que estiveron representadas as forzas e corpos de seguridade da Garda Civil e da Policía Local, ademais da tenente de alcaldesa, Loli Castiñeira e a concelleira de Seguridade Lucía Pereira, chegouse ao acordo de que dende os corpos e forzas de seguridade –Garda Civil e Policía local–, e en función de como se desenvolvan os acontecementos, póñanse a disposición do Concello de Salceda de Caselas todos aqueles recursos que sexan necesarios, mentres esta situación xere inseguridade e inquedanzas na poboación.

Lucía Pereira, concelleira de seguridade subliñou o “importante esforzo” que se realiza dende o Concello “os recursos dos que dispoñemos para atallar esta situación puntual e tratar de recuperar a harmonía entre o ocio e o descanso da veciñanza, que sempre foi o obxectivo”.

Nesa liña incidía tamén a alcaldesa de Salceda, Verónica Tourón que, logo de valorar moi positivamente o acordo acadado na Xunta Local de Seguridade, apuntou que “o ocio nocturno debe ser compatible co benestar e descanso da veciñanza da zona, polo que Concello, Subdelegación e forzas e corpos de seguridade traballaran coa máxima coordinación e con todos os medios dispoñibles para que isto sexa así”.

Tourón lembrou que dende o equipo de Goberno a pretensión “é que a boa convivencia sexa posible, e que Salceda continúe a ser unha vila segura, como reflexan os datos que hoxe mesmo nos trasladou o tenente coronel da Comandancia da Garda Civil que nos acompañou nesta Xunta”.