Sábado, 3 Maio de 2025

Salceda aproba, inicialmente, un Orzamento de preto máis de 4,8 millóns de euros

O goberno de Salceda (Movemento Salceda e PSOE) vén sacar adiante, de xeito inicial, os orzamentos para este ano 2019, aprobados en sesión plenaria cos votos en contra do PP. Os orzamentos ascenden a 4.809.240 € o que supón un incremento en 700.000 euros sobre os prorrogados dende o 2016, incremento que foi posible grazas ao remanente de tesourería existente.

Os orzamentos aprobados, segundo sinalaba concelleira de Facenda, Lucía Pereira (MS), “axústanse á realidade de Salceda, e ofrecen a garantía precisa para manter os servizos ofertados para a veciñanza de Salceda que se viron incrementados constantemente ao longo dos últimos anos”.

Pola súa banda, Ángela Ledo, que actuou como voceira do PSOE, salientou que están a cumprir o obxectivo recollido no pacto de goberno entre PSOE e MS “de presentar uns orzamentos cada ano, que fagan que a situación económica do Concello se vexa reflexada nun documento actualizado e realista”.

Destaca no documento o incremento da partida destinada a un servizo tan fundamental como o servizo de axuda no fogar (SAF), que pasa de 200.000 € a 400.000 €, garantindo así a cobertura das horas de servizo que se foron incrementando nos últimos anos, e que están en torno ás 2.500 horas anuais entre os servizos por dependencia e por libre concurrencia.

O capítulo de persoal, con 1.499.979,35 € consignados, supón un 30% do Orzamento, incrementándose nuns 60.000 €. Este capítulo presenta novidades con respecto ao orzamento vixente, xa que se prevé unha praza de tesourería de habilitación nacional, obrigatoria para Concellos de mais de 5.000 habitantes, así como a dun Oficial de Policía, tamén obrigatoria por lei. Ademais dótanse ao 100% prazas que no orzamento anterior figuraban por un tempo determinado. O incremento de 60.000 € servirá tamén para dar cobertura a diversas obrigas e gastos producidos nos últimos anos, como o cumprimento de sentencias, os incrementos salariais derivados dos Orzamentos Xerais do Estado, etc.

En canto ás subvencións para entidades culturais, deportivas e sociais, mantéñense os 92.000 € consignados, garantindo así o apoio a estas entidades que contribúen á dinamización de Salceda, nun momento en que a tendencia das diferentes administracións e a reducir este tipo de aportacións, e incluso a eliminalas en varios casos.

No que ao capítulo de investimentos atinxe, recóllense 313.835,38 € que servirán para levar a cabo pequenas obras de grande importancia para o día a día da veciñanza de Salceda, que se realizarán a través das diferentes áreas de goberno.

Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda, lembrou que “estamos nun momento importante, coa existencia dun goberno forte en maioría, que permitirá sacar adiante documentos tan importantes como este, que garantan a prestación de numerosos servizos á cidadanía por parte do Concello, e que o fagan con transparencia e obxectividade, como premisa fundamental deste equipo de goberno”.