14.6 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaSalceda de CaselasSalceda acada tres flores de honra no certame Vilas en Flor na...

    Salceda acada tres flores de honra no certame Vilas en Flor na súa segunda participación

    Aumenta o recoñecemento no Certame Vilas en Flor, ao pasar de dúas a tres flores de honra

    O Concello de Salceda de Caselas ven de recibir o galardón que outorga o certame Vilas en Flor 2021, conseguindo aumentar a distinción ao subir de dúas a tres flores de honra na súa segunda participación, avalando o traballo continuo que ven desenvolvendo o Concello na mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá co coidado da contorna. O diploma foi recibido na gala anual, que este ano se celebrou no patio da Fábrica de Curtidos “Familia Nogueiras” de Allariz.

    No pasado mes de setembro, o xurado visitou o municipio acompañado por Lucía Pereira, concelleira de Turismo; Loli Castiñeira, tenente de alcaldesa e Verónica Tourón, alcaldesa de Salceda. O xurado, formado por persoas profesionais de recoñecido prestixio dos sectores do viveirismo, a xardinería, o paisaxismo e o turismo valorou moi positivamente o traballo desenvolto nos últimos anos polo Concello de Salceda, en  aspectos como as humanizacións, a creación e mantemento das sendas fluviais e outros espazos verdes, ou a creación de máis de vinte aparcadoiros disuasorios no casco urbano, que permiten unha maior seguridade peonil, ademais de facilitar o estacionamento e a fluidez do tráfico rodado. Outro dos recoñecementos do xurado foi a aposta e instalación de elementos novedosos para a mellora da biodiversidade como o hotel de insectos.

    A alcaldesa da vila, Verónica Tourón, remarcou que “o coidado dos espazos verdes urbanos é un atractivo máis para visitar Salceda. Este recoñecemento é ao traballo de moita xente todos os días e de dedicar recursos para ter unha vila fermosa. O mérito é para todo o equipo co que traballamos, traballadores/as dos diferentes departamentos e empresas, e o premio é para a nosa Vila, para Salceda”.

    Logo da recepción da distinción, o Equipo de Goberno de Salceda quixo recoñecer e agradecer o traballo dos distintos departamentos municipais e empresas de mantemento que fan posible que o noso Concello sexa xa un referente. Dende o persoal de vías e obras, desbroces, recollida de lixo, limpeza de rúas, etc, así como as tarefas de mantemento de parques e xardíns que realiza ACEESCA nunha proposta de integración laboral de persoas con discapacidade. Ademais fíxose extensible este agradecemento ao persoal técnico de urbanismo, clave para o bo desenvolvemento urbano e rural de Salceda.

    O certame sigue o modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias e Valencia, a semellanza de proxectos implantados xa en países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia ou Canadá. “Vilas en Flor” é un certame impulsado pola Fundación Juana de Vega e que este ano celebrou a súa cuarta edición, coa participación de trinta concellos galegos. Na súa organización, participan tamén a Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar). Conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, e o patrocinio de diferentes entidades privadas.

    Este proxecto persigue a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos, así como a dinamización do sector do paisaxismo e a ornamentación, contribuíndo así ao desenvolvemento económico local, xerando máis actividade económica derivada do propio sector da planta ornamental e da xardinería así como dun previsible aumento das visitas turísticas.

    A Concelleira de Turismo, Lucía Pereira quixo resaltar a importancia de que Salceda sexa un dos poucos Concellos que aumenta a distinción, ao pasar de dúas a tres flores de honra. “Este galardón é unha mostra máis do bo traballo en equipo que se ven desenvolvendo nos últimos anos, nunha aposta clara pola recuperación de espazos urbanos e naturais para as persoas. Espazos amables co medio ambiente e coa biodiversidade seguindo un modelo claro de futuro”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.