A vaga de incendios do 2017 que asolou literalmente o sur de Pontevedra, deixou non só en evidencia unhas ineficaces medidas de protección da nosa masa forestal por parte da administración autonómica, senón tamén o descoñecemento das leis que rexen os montes por parte propietarios e propietarias dos mesmos, circunstancia que case que non se da nas Comunidades de Montes de Man Común, pero que é habitual no caso das persoas individuais.
Esas normas habitualmente descoñecidas sinalan, por exemplo, que no caso de caída dunha árbore –moito máis doada no caso das árbores queimadas por motivos obvios– a responsabilidade polos danos materiais e/ou persoais que produzan serán responsabilidade dos propietarios e propietarias.
Nesa liña, o Concello de Salceda de Caselas vén de facer público un bando recordando as obrigas que teñen os propietarios e propietarias de montes achegados aos viais públicos, de proceder a tala das árbores queimadas “para evitar que se poidan producir males maiores”.
O aviso vén orixinado pola caída de árbores en viais públicos polos últimos temporais e ante a previsión de que esta situación se volva a dar que é o máis probable, dada a época na que andamos.
Polo tanto, o Goberno que preside Loli Castiñeira lembra, a través dun bando, “a obriga tanto por parte das comunidades de montes como dos propietarios e propietarias individuais, de cumprir coa lexislación vixente”, baixo pena de sancións económicas nos casos que non se cumpran as distancias establecidas.
De feito, o anexo II da Lei 7/2012 de montes de Galicia, que se pode consultar nesta ligazón, establece as distancias mínimas que o arborado debe gardar con respecto ás pistas municipais, sendo de 4 metros para as especies frondosas e de 10 metros para piñeiros, acacias e ecucaliptos a contar dende o límite do dominio público.
O bando da Alcaldía de Salceda, lembra tamén que a Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia, no seu artigo 135 establece que os propietarios e propietarias de toda clase de terreos deberán conservalos nas condicións legais de seguridade, salubridade, accesibilidade universal e ornato legalmente esixibles. Obriga que se recolle tamén no artigo 16 da Ordenanza reguladora da limpeza viaria e ornato público do Concello de Salceda de Caselas.