Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello de Salceda ofrece á Xunta o edificio do antigo centro de saúde “para que se poidan baixar as ratios dos colexios” no nincio de curso

O Concello de Salceda de Caselas vén de ofrecer á Consellería de Educación da Xunta de Galicia o inmoble que albergaba o antigo centro de saúde da vila para que poida ser utilizado para uso educativo e “poder baixar as ratios dos colexios” no inicio do novo curso. Nesa liña, o Goberno local levará ao pleno do vindeiro día 27 de agosto, o campo de uso do edificio para poder utilizalo no uso educativo e fará o mesmo coa antiga aula unitaria de Revolta, en Parderrubias.

A volta presencial ao colexio en menos de tres semanas, logo de dous meses de clases telemáticas e as vacacións de verán, preocupa especialmente en Salceda de Caselas que, tal e como lembra a alcaldesa Loli Castiñeira, conta nestes momentos “con máis de 800 nenos e nenas entre os colexios de infantil –CRA Raíña Aragonta– e primaria –CEP Altamira–.

Entende o Concello de Salceda que para garantir a seguridade dos nenos e nenas “é fundamental a diminución das ratios” pero tamén é consciente da realidade que non é outra que “ámbolos dous colexios non dispoñen de aulas suficientes para garantir dita diminución”.

Considera a alcaldesa Loli Castiñeira que á hora de garantir a seguridade dos nenos e nenas “a colaboración entre administracións ten que ser indiscutible”, motivo polo que o Goberno local pon a disposición da Consellería tanto o immoble do antigo centro de saúde coma a antiga aula unitaria de Revolta, na parroquia de Parderrubias.

Queda por último a alcaldesa “a disposición da Consellería” para que realicen unha visita aos espacos de cara “a coordinación do seu uso cando vostedes consideren”.