Mércores, 11 Decembro de 2024

O Concello de Salceda acepta a mediación despois das eleccións do 26M

O Grupo de Goberno do Concello de Salceda ven de remitir resposta á proposición de mediación feita dende o Consello Galego das Relacións Laborais, manifestando “a súa vontade a aceptar dita mediación despois do 26 de maio”, día en que se elexirá o novo Goberno Municipal.

No comunicado, asinado polo Alcalde, lembran que tendo presente que dita mediación constitúese e caracterízase como voluntaria, “o Concello manifesta a súa expresa disconformidade co inicio de dito procedemento polo momento no que nos atopamos”, a dous meses dunhas eleccións municipais que determinarán un novo equipo de goberno “que na súa calidade de parte empregadora, terá que sentarse coa representación sindical, sen que sexa lexítimo a dous meses vista de dito proceso iniciar a mediación”.

Lembran tamén dende o Equipo de Goberno que a mediación “terá que ser comandada exclusivamente polo próximo Goberno municipal, sexa cal sexa o grupo político que nese momento conforme dito equipo”, polo que asegura “non entender nin compartir” a intención de que os grupos políticos da oposición participen nun proceso de mediación “que atañe exclusivamente á parte empregada e á parte empregadora”. Esta postura non é ignorada pola representación sindical, “pois xa lle foi manifestada á mesma en diversas oportunidades”, asegura o Concello de Salceda.

Por todo isto, dende o Concello veñen de solicitar “o arquivo do proceso de mediación ata despois do 26 de maio”, manifestando a “absoluta predisposición a iniciar dito proceso unha vez pasadas as eleccións”.