Xoves, 16 Xaneiro de 2025

Movemento Salceda seguirá loitando pola segunda escola infantil

Logo da polémica suscitada despois da solicitude, por parte da Concellería de Benestar Social, dunha subvención para a construción dun centro de día na parcela reservada para a segunda Galiña Azul, Movemento Salceda quere deixar claro que para a formación local a segunda Galiña Azul é irrenunciable.

Lembran, ademais, que a necesidade desta segunda escola infantil na vila foi aprobada por unanimidade polo pleno da corporación, logo dun enorme traballo de diversos colectivos para a procura deste servizo.

En Salceda hai 334 nenos de 0 a 3 anos de idade, a única escola infantil pública non pode ofrecer praza a todos, xa que este ano hai 37 crianzas en lista de espera, unha cifra demasiado alta que non se pode permitir.

Xa en abril de 2018, Marcos Besada e Tere Pérez, daquela alcalde e concelleira de Benestar Social, presentaron o anteproxecto da escola infantil ao Consorcio, poñendo a disposición a parcela que o Concello ten ao lado do centro de saúde. Esta proposta foi ratificada por Loli Castiñeira na súa etapa como alcaldesa ante o xerente do Consorcio de Benestar, Perfecto Rodríguez.

Desde a agrupación local queren deixar claro tamén que non están en contra da construción dun novo centro de día, infraestrutura moi necesaria e que Movemento Salceda levaba tamén no seu programa electoral. Salceda conta con 1488 persoas maiores de 65 anos, polo que os servizos destinados a esta franxa de idade deben ser unha prioridade, pero de ningún xeito deber ser a reservada para a segunda Galiña Azul.

“Debemos traballar na descentralización dos servizos, e abrir posibilidades de localización nas diferentes parroquias recorrendo, se fose preciso, a posibles cesións de terreos das comunidades de montes veciñais ou incluso a edificios municipais nas parroquias”, indica Loli Castiñeira, voceira de Movemento Salceda. “A loita pola segunda escola infantil foi desde sempre un exemplo de unión entre os diferentes grupos políticos e entidades sociais do noso Concello. Entre todos temos moito andado e non debemos frear as nosas reivindicacións”.