A Praza do Concello de Salceda de Caselas acolleu na mañá de hoxe a presentación dunha nova edición da Festa dos Callos, a vixésimo sétima, que converterá a Salceda, en palabras da súa alcaldesa, Loli Castiñeira, na capital galega dos callos “por constancia, por traballo e porque as diferentes persoas que lles tocou nas edicións anteriores traballaron arreo”.
A alcaldesa de Salceda –que vive como rexedora local a súa primeira Festa dos Callos– estivo acompañada polo concelleiro de Cultura, Alex Rodríguez; o presidente do grupo Señorío de Rubiós, Antonio Méndez e os representantes do grupo Coren Fernando Córdoba e Alejandro Alonso. Este último será, un ano máis, o encargado de dirixir a preparación dos callos na mesma Praza do Concello.
Era precisamente Alejandro Alonso o que ofrecía os datos que dan unha idea da dimensión dunha festa dos callos que prevé despachar un total de 20.000 racións de callos para as que, explicaba Alonso, empregaránse 2.100 kg de garbanzo, 425 kg de lacón, 350 kg de chourizo galego, arredor de 1.800 kg de ventre de vacuno, 900 kg de carne de pata de tenreira. En total, máis de 5 toneladas de produto que comezará preparse sobre as 1:30 horas para que estea todo preparado cara as 8:30, deixalos reposar unha horiña e comezar a despachar, para a veciñanza máis madrugadora, ás 9:30 horas.
Fernando Córdoba, director da unidade de negocio do grupo de Coren definía a Alejandro como un claro referente “de esforzo, traballo, compromiso, dedicación e sobre todo cercanía coa cultura galega” valores que son, dixo Fenando Córdoba, “o espírito da empresa Coren”
O Concelleiro de Cultura, Alex Rodríguez, confirmou que os prezos “serán os mesmos que nas anteriores edicións”, é dicir, a ración de callos para degustar na propia festa, incluíndo o viño, o pan, o prato e a taza conmemorativas, terá un prezo de 8 €. Pero, por un prezo de 6 €/ración, tamén se poderán levar “en tarteira” para degustalos na casa. Ademais, por terceiro ano, na festa serviranse tamén callos sen gluten para que as persoas celíacas non deixen de disfrutar do evento.
Os callos estarán acompañados por un tinto Sousón de Señorío de Rubiós. Era precisamente Antonio Méndez, presidente do grupo, o que agradecía “á Corporación de Salceda de Caselas a oportunidade de presentar, nesta exquisita festa, o tinto da uva máis abundante de Rubiós, a variedade sousón“. Explicaba Méndez que os caldos de Rubiós sempre foron famososos polo retinto “que é precisamente a variedade de Sousón e que constitúe o 90 por cento da uva que se produce en Rubiós”.
Finalmente, Antonio Mendez destacou a importancia das festas locais “para axudar a vender e promocionar os tintos, que non sempre é doado” e lamentaba que, moitas veces, estes viños foran máis apreciados fora “que na casa”.
O showman Paco Lodeiro será o encargado de dar o pregón da festa o domingo ás 12 do mediodía, pregoeiro que volverá subirse ao escenario ás 21:00 horas para participar como vocalista na recuperada Orquestra Sur. Esta é solo unha pequena mostra do amplo abano de propostas culturais e de ocio que acompañarán os callos durante toda a fin de semana.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, agradeceu o traballo inmenso do Concelleiro de Cultura Alex Rodríguez para sacar a festa adiante, “así como o traballo e as ganas do equipo de goberno, recén chegado”. Tiña tamén palabras Castiñeira para “os voluntarios e voluntarias, protección civil, policía local e persoal municipal sen os que sería impensable que, un municipio de pouco máis de 9.000 habitantes puidera celebrar unha festa desta categoría e dimensión”.
Doutra banda a alcaldesa de Salceda salientou o desenvolvento, dentro da Festa dos Callos, da campaña Agresión OFF, polo que serán, apuntou, “os primeiros callos en igualdade”.