Sábado, 3 Maio de 2025

Concello de Salceda e Ministerio de Educación asinan un convenio para desenvolver o programa de formación aberta ‘Aula Mentor’

O Concello de Salceda de Caselas e o Minsterio de Educación veñen de asinar un convenio de colaboración que permitirá desenvolver o programa de formación aberta denominado ‘Aula Mentor’. Cómpre lembrar que dende o 2014 o Concello de Salceda de Caselas formaba parte da rede de Aulas Auxiliares, pasando agora a ser titular da Aula Mentor e formando parte así da estrutura orgánica básica do Ministerio de Educación e Formación Profesional.

O convenio asinado terá unha vixencia de 4 anos prorrogables e a Concellería de Emprego e Formación, que xestiona a alcaldesa Verónica Tourón, subliña “a importancia de formar parte destes programas avanzados de educación a distancia, tanto de ensinanza regrada como non regrada”.

A Aula Mentor é un recurso que pretende impulsar e mellorar as competencias persoais e profesionais das persoas adultas, promovendo a cultura e a participación da cidadanía no uso sostible das Tecnoloxías da información e as comunicacións. Hai que destacar que é unha formación aberta onde non existen requisitos de acceso e proporciona unha oferta formativa de carácter non formal moi ampla que se adapta as necesidades de conciliación laboral e familiar da poboación adulta.

A Aula Mentor do Concello de Salceda ten as súas instalación físicas e o equipamento tecnolóxico no Centro de Desenvolvemento Local do Torrón, co fin de dar soporte a esta formación a distancia. Ademais disporá de dúas persoas administradoras que asistirán ás persoas usuarias nas necesidades telemáticas para a realización dos cursos, e á orientación e información nos procesos de matriculación e a organización das probas de avaliación que serán presenciais.

Verónica Tourón, alcaldesa de Salceda, subliñou que “ás administracións públicas correspóndenos o deber de promover ofertas de aprendizaxe flexibles que permitan a adquisición de competencias básicas, obtendo as correspondentes titulacións”. Polo tanto, engade a rexedora local “está é unha oportunidade sobre todo para aquelas persoas mozas e adultas que abandonaron ou tiveron que deixar o sistema educativo sen ningunha titulación”.