Sábado, 3 Maio de 2025

Asociación Érguete e Deputaciónv comezan un plan de reforzo da personalidade cos nenos de Salceda

A entidade impartirá formación a 84 alumnos e alumnas do CEIP Altamira e as súas familias

A Asociación Érguete dentro do programa Coñece-Decide da Deputación de Pontevedra acaba de comezar un plan de reforzo da personalidade cos nenos de Salceda de Caselas. As educadoras da entidade impartirán formación a 84 alumnos e alumnas do CEIP Altamira e as súas familias para axudar á mocidade “a reflexionar sobre a importancia das súas decisións e dotarlles de ferramentas para enfrontarse á presión do grupo, as modas, as redes sociais…”.

A técnica de prevención da Asociación Érguete, Andrea Pérez, explica que esta formación é “moi importante” no contexto actual no que as e os rapaces “se enfrontan as consecuencias da pandemia”. “O que máis nos importa é facer destes talleres espazos seguros onde poder aprender a coñecerse e a respectarse”, explica.

Esta formación non só é eficaz no día a día dos nenos e nenas, tamén o é no seu futuro. Unha personalidade sa axudaralles a previr problemas de acoso, de falta de identidade, e tamén de adiccións, feitos nos que Érguete afondará con eles e elas durante as intervencións.