A Casa da Cultura Castelao acolleu onte a presentación da programación do Entroido de Salceda de Caselas, nun acto que contou coa presenza do concelleiro de Cultura Álex Rodríguez e da alcaldesa Verónica Tourón que estaban acompañados por Tere Acuña e José Fernández por parte do barrio da Feira e Javier Martínez e Diego Gándara por parte do Castro Barreiro.
Alex Rodríguez non podía ocultar a súa satisfacción ao anunciar que “este ano voltamos as rúas”, nun Entroido do que, afirmou, “a protagonista é a veciñanza, a través das distintas asociacións e colectivos que durante varias semanas traballan na elaboración das súas carrozas e comparsas”.
O responsable de Cultura amosaba a súa esperanza que, o vindeiro ano, “a nosa celebración máis arraigada poida contar coa declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, outorgándolle así a importancia que merece”.
Na mesma liña expresábase a alcaldesa de Salceda, Verónica Tourón, que tiña palabras de agradecemento “a todas as persoas que dun xeito ou outro fan posible o entroido e en xeral a toda veciñanza de Salceda o seu esforzo e ilusión por traballar para poñer en marcha de novo o entroido no noso concello e recuperar esta festa tan nosa para a normalidade, despois de dous duros anos de pandemia”
A alcaldesa, como responsable tamén da Concellería de Comercio, facía fincapé na importancia que o Entroido de Salceda ten para “a dinamización do comercio local en xeral de da hostalaría en particular” e facía un convite a todas as persoas da comarca “a que se acheguen a Salceda a gozar desta maravillosa festa que é o noso Entroido e a coñecer o noso pobo e toda a beleza da súa cultura e tradicións”.

O Entroido de Salceda recupera este ano varias das citas máis importantes, e que caracterizan a cita cultural con máis arraigo no Concello, e unha das máis antigas de Galicia. Deste xeito, o domingo as carrozas e comparsas voltarán desfilar polas rúas da Esfarrapada, na vixésimo terceira edición do desfile institucional, que este ano incorpora unha novidade para facilitar que o público poida apreciar o desfile con máis facilidade. Deste xeito, os dous desfiles emitiranse en directo a través das redes oficiais do Concello, garantindo unha difusión dos eventos universal.
Outra das citas que volve é o tradicional Rancho de Entroido da Feira, recuperado no ano 2018, que fará a actuación e o desfile por distintos puntos da vila acompañado polos Cabaleiros. O Rancho de Entroido de Salceda é único pola súa composición de seis danzantes e dúas damas, e pola súa música e os seus bailes. Este ano, ademais, contará tamén coa participación do Rancho Infantil de Entroido, asegurando así o relevo xeracional dunha tradición centenaria.
Este ano, o Entroido de Salceda vivirá un antes e un despóis, xa que o xoves 24, o pleno da corporación aprobará a Solicitude para a Declaración do Entroido de Salceda de Interese Turístico de Galicia. A memoria que se enviará Turismo de Galicia é froito de máis dun ano de traballo por unha empresa especializada, na que se recollen todas as mostras e singularidades dun Entroido único en Galicia, tal como describíu Alex Rodríguez, que confía en obter o visto bo da Axencia Turística, convertíndose no décimo Entroido de Galicia en ser declarado Festa de Interese Turístico.
Castro e Barreiro e A Feira celebrarán o martes 1 de marzo(festivo local) o seu día grande, coa presentación das súas carrozas e comparsas, nas que participan máis dun cento de persoas de tódalas idades. Ás 17.00 chegarán á Praza do Concello, onde exhibirán o minucioso traballo realizado nas últimas semanas, para posteriormente trasladar a loita ao cruceiro da Fonte da Pedra.
A música, neste caso protagonizada pola Banda Cultural de Salceda tamén volve este ano á programación co Concerto de Entroido, que se celebrará no patio do CEP Altamira. Sen dúbida trátase dunha das citas máis esperadas polos afeccionados e afeccionadas á música. A programación complétase con obradoiros dirixidos ao público infantil e coa primeira edición do Concurso de Filloas doces e salgadas, no que participan 11 establecementos da vila.