Sábado, 3 Maio de 2025

A Xunta financia a atención temperá da agrupación dos concellos de Salceda e As Neves con máis de 105.000 euros

Estas unidades son básicas para identificar, previr e actuar sobre os trastornos que poidan sufrir no seu desenvolvemento nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade

A Xunta concedeu esta semana axudas por uns 2 millóns de euros para financiar 28 unidades de atención temperá, dez delas de nova creación. Deste xeito, a agrupación de concellos composta por As Neves e Salceda de Caselas contará cunha subvención de 105.383,70 euros para manter a contratación dunha fisioterapeuta, dúas logopedas e unha psicóloga.

Deste xeito, O Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado 26 de maio publicou a listaxe de concellos e agrupacións de concellos beneficiados desta liña de achegas cofinanciada polo fondo social europeo e coa que a cobertura deste servizo chega xa a 129 localidades da nosa comunidade.

Do importe total das axudas, 318.000 euros destínanse a financiar a decena de unidades de nova creación, sete en agrupacións de concellos e tres en municipios individuais. Entre as primeiras está, na provincia de Pontevedra, a da Mancomunidade do Baixo Miño e a do concello de Gondomar.

A maiores destas 28 unidades promovidas a través desta liña de axudas, a Consellería de Política Social subvenciona o funcionamento doutras tres unidades que xestiona por medio da Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT), dúas delas na provincia de Pontevedra, a das comarcas do Deza e o Salnés. Ademais, esta rede galega de atención á infancia dispón tamén de recursos nos ámbitos sanitario, educativo e dos servizos sociais.

Prevención de trastornos

As unidades de atención temperá son fundamentais para identificar e actuar sobre os trastornos que poidan sufrir no seu desenvolvemento nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade. O Goberno galego segue a apostar por este modelo baseado na prevención, a identificación e o tratamento precoz para dar resposta ás necesidades específicas que poidan presentar estes menores.

A atención temperá facilítalles ferramentas para gañar autonomía xa desde a infancia para que gocen dunha maior calidade de vida cando sexan maiores. Así mesmo, ao actuar antes hai máis opcións de evitar que os trastornos no desenvolvemento perduren no tempo e sexa máis difícil corrixilos.