O Concello do Porriño está a poñer en valor a súa zona de equipamentos escolares e deportivos coa humanización executada no marco do Plan de Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (DepoRemse) da Deputación de Pontevedra. Os deputados provinciais Carlos López Font e Santos Héctor, acompañados pola alcaldesa, Eva García de la Torre e representantes municipais, visitaron hoxe a contorna, que loce un aspecto totalmente renovado de cara ao comezo do novo curso escolar.
As obras do plan DepoRemse, cun importe de 410.598 euros, están financiadas ao 85% pola Deputación e a un 15 % con fondos propios do Concello e teñen como ámbito de actuación a rúa Doantes de Sangue, unha zona de especial tránsito ao acoller o colexio Xosé Fernández López , o Instituto de Ensino Secundario, a escola infantil e a área deportiva do pavillón municipal.

Os traballos están na súa última fase de execución e consisten na rehabilitación do firme en toda a rúa Doantes de Sangue, así como a adaptación dos pasos de peóns e beirarrúas existentes ao modelo de mobilidade da Deputación. O proxecto inclúe tamén a pavimentación do camiño existente que comunica esta rúa con Doutor Paz Varela e a colocación de novas beirarrúas na rúa Fernández Areal. Así mesmo, os traballos supoñen a eliminación de zonas de estacionamento para ampliar as beirarrúas, o acondicionamento das zonas de estacionamento do bus escolar, coa ampliación desta área e o alongamento das beirarrúas, así como o aumento da iluminación nos pasos peonís e a mellora dos niveis de iluminación do viario. Por último, as obras inclúen tamén o redeseño de toda a sinalética na zona de actuación.
O deputado provincial Carlos López Font cualificou a actuación como “exemplar” e destacou a transformación desta zona para a mellora da calidade de vida da veciñanza do Porriño, “onde as persoas van ocupar aqueles espazos que antes ocupaban os coches”. Neste senso, destacou que o proxecto elixido polo Concello “coincide plenamente e se axusta á idea que temos neste goberno provincial dunha mobilidade segura e transformadora”. “O DepoRemse –engadiu Font– busca unha mobilidade e seguridade propia dos tempos en que vivimos e humanizar contornas. Neste caso, temos un dos mellores exemplos porque nesta zona están o instituto, o centro escolar, a escola infantil e o pavillón e máis abaixo, onde finaliza a actuación, comunicamos con edificios públicos como a Tesourería da Seguridade Social, o Centro de Saúde e os Xulgados. Polo tanto estamos nun entorno no que habitan persoas, no que veñen moitas crianzas e persoas maiores á estas instalacións, e o cambio que vexo é absolutamente radical. Será unha maior satisfacción cando dentro duns días comece o curso escolar e os pais e nais poidan ter unha maior seguridade viaria cos seus fillos e fillas nesta contorna”. López Font destacou a excepcional relación da Deputación co Concello do Porriño, materializada en investimentos de 8 millóns de euros no municipio desde o ano 2015, entre eles o Plan Concellos que permitiu realizar máis dunha vintena de obras e sufragar actividades culturais, amais da liña de emprego, que permitiu nestes anos contratar a 147 traballadores e traballadoras.

Pola súa banda, a alcaldesa Eva García de la Torre, agradeceu a colaboración da institución provincial desde hai cinco anos e destacou que as obras visitadas “abarcan o ámbito que máis servizo público dá á cidadanía e que necesitaba dunha nova mirada” dentro da filosofía das cidades sostibles. “Necesitamos –engadiu– que a Deputación siga mirando para os concellos, siga apostando por este tipo de actuacións e por subvencionar plans que fagan as cidades máis humanas. Nós queremos ser unha alternativa residencial en toda a comarca. Pero para iso temos que facer no Porriño zonas máis pensadas para os cidadáns e menos para os vehículos”. García sinalou que esta obra “é o primeiro paso para ver que o concepto de cidade que compartimos vai facéndose realidade. En certo modo, palía un pouco o abandono da Xunta”.