Mércores, 19 Marzo de 2025

FEGADACE e o Concello do Porriño colaboran na sensibilización e prevención do dano cerebral cunha charla

A actividade informativa vai ter lugar o venres 25 de marzo no Centro Cultural da vila

A información sobre o dano cerebral adquirido chega ao Porriño pola man da colaboración entre o concello pontevedrés e a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE). Unha das principais liñas de actuación da Federación é a información e sensibilización, cos obxectivos de dar a coñecer a realidade das persoas con dano cerebral, pero tamén de axudar a previr esta discapacidade, que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia.

A actividade informativa está dirixida a todo tipo de público e nela a traballadora social de FEGADACE vai falar da prevención das principais causas do dano cerebral (o ictus -que está detrás do 78% dos casos- e os accidentes de tráfico), e do modelo de atención e rehabilitación que se desenvolve nas asociacións galegas de dano cerebral, ditado polo Ministerio de Sanidade a través do Imserso. Centrarase especialmente en presentar o recurso asociativo máis próximo ao concello do Porriño: Alento, a Asociación de Dano Cerebral de Vigo, de ámbito provincial.

Esta charla vai ter lugar o venres 25 de marzo ás 18:30 hh. no Centro Cultural do Porriño (Rúa Domingo Bueno, 9). Para asistir é recomendable inscribirse en calquera dos seguintes números de teléfono 881 943 148 ou 652 770 653.

A organización desta actividade conta coa colaboración do Concello do Porriño e co financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.

FEGADACE

FEGADACE constituíuse en 2007 polas cinco asociacións galegas de dano cerebral: ADACECO (A Coruña), ADACE en Lugo, Alento (Vigo), Renacer (Ourense) e Sarela (Santiago). Xuntas representan algo máis de 2.000 familias. O seu obxectivo é contar cunha plataforma común de interlocución, coordinación e divulgación das necesidades do colectivo de persoas con dano cerebral adquirido, unha discapacidade que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia e que está causada case sempre por un ictus (78% dos casos) ou por un traumatismo cranioencefálico provocado por un accidente de tráfico.