A Asociación Deportiva Avanza estivo presente no medalleiro do Campionato de España de Ciclocross e o fixo a través da corredora ponteareá Uxía Soto que, no seu primeiro ano na categoría tivo que conformarse coa medalla de Prata cando, unha caida, privoulle do Ouro que tiña ao alcance da súa man.
A corredora ponteareá nas filas do A.D. Avanza do Porriño rodaba, a falta de 300 metros para chegar á liña de meta, na primeira posición seguida dunha corredora da selección leonesa. A mala sorte cebábase na nova corredora que ía ao chan, o que facía que fora adiantada por Laura Mira, do Club Ciclista Cidade de Pontevedra compañeira na selección galega que, naquel momento, rodaba de terceira.
Uxía Soto amosou a súa satisfacción pola medalla de prata aínda que, ela mesma recoñecía que experimentaba unha sensación de “espiniña cravada” ao ter estado tan preto do ouro e ter quedado relegada á segunda posición “por un erro técnico”. Pero Uxía Soto é ben capaz de pasar páxina e aprender dos erros. Toca agora prepararse para a tempada de XCO, onde a bo seguro deixará ben patente a súa capacidade e preparación e dará máis dunha alegría aos afeccionados e afeccionadas a este fermoso deporte.
Uxía Soto pecha unha magnífica tempada
Con esta medalla que acredita a Uxía Soto como subcampiona de España de Ciclocross no seu primeiro ano na categoría, a brava corredora ponteareá nas filas da Asociación Deportiva Avanza do Porriño, pecha una extraordinaria tempada engadindo a esta medalla, os títulos de Campioa Galega de Ciclocross y Subcampioa da Copa Galicia, amais de medalla de bronce na Copa de España disputada en Pontevedra.
Un dos grandes segredos de Uxía, amais da súa técnica –que a ten dabondo– é a súa extraordinaria capacidade de sobrepoñerse ás dificultades, algo estraño de atopar nunha persoa tan nova. Esa mentalidade de “son capaz e podo facelo” é o que lle permitiu levar a cabo remontadas espectaculares en probas nas que, circunstancias adversas como caídas ou problemas técnicos, farían que outras corredoras ‘tiraran a toalla’.
Uxía Soto ten, sen dúbida, un extraordinario futuro deportivo só ao alcance daquelas e aqueles que suman, as súas boas condicións físicas e técnicas, o firme convencemento de que “querer é poder”.