Sábado, 3 Maio de 2025

Os escolares de Mos participan en charlas sobre a reciclaxe de residuos

O alumnado de diferentes centros educativos de Mos foi beneficiario, durante esta semana, dunha charla sobre a recilaxe de residuos, actividade organizada e impartida polo Concello dentro do programa municipal de actividades en horario lectivo. A iniciativa parte da Concellería de Educación que dirixe Julia Loureiro, en colaboración coa Concellería de Cervizo de Recollida de Residuos, responsabilidade de Gonzalo Alonso quen, ademais, visitou aos escolares nos centros durante o desenvolvemento da charla.

Os obxectivos desta actividade son a concienciación sobre a importancia de facer a selección dos distintos residuos xerados nas vivendas, que o alumnado tome conciencia dos residuos que se xeran en cada fogar a diario, o cambio de hábitos no fogar no caso de non facer a separación selectiva de residuos e concienciar da importancia que ten manter limpos os espazos, neste caso nun medio natural (bosques, praias, parques, rúas).

A actividade foi proposta para os alumnos de 3º e 4º de primaria. O CEIP Atín  participou cun total de 23 alumnos/as, o CEIP Mestre Martínez Alonso o facía con 34 alumnos/as, o CEIP Pena de Francia participaba con 34 alumnos e alumnas, outros 20 alumnos/as pertencían ao CEIP Petelos e o CEIP Mestre Valverde Maio participaba cun total de 25 escolares. En total, foron 136 alumnos e alumnas os que participaron nesta actividade.

A charla consistiu nunha exposición en 4 bloques: o entorno medioambiental, o lixo e as súas distintas posibilidades de reciclaxe, o novo ciclo de vida para o lixo e preguntas, dúbidas e inquedanzas.