9.7 C
Pontevedra
Luns, 29 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiTui celebra cun amplo programa de actividades as Xornadas Europeas da Cultura...

    Tui celebra cun amplo programa de actividades as Xornadas Europeas da Cultura Xudía

    Visitas guiadas, exposicións, conferencias, xornadas de debuxo, concertos, e gastronomía centran o amplo programa que ao longo do mes de setembro se vai celebrar en Tui baixo o título de “Setembro xudeu en Tui”. Está promovido polo concello de Tui a través da Concellería de Turismo e Patrimonio e dentro das Xornadas Europeas da Cultura Xudía, que a cidade celebra anualmente pondo en valor o seu importante legado xudeu.  Nas xornadas este ano prestarase especial atención á figura do medico e filósofo tudense Francisco Sánchez, ao cumprirse o próximo 16 de novembro o cuarto centenario do seu falecemento en Toulouse.

    A Asociación Europea para a Preservación e Promoción da Cultura o Patrimonio Xudues (AEPJ) da que forma parte a Red de Juderías de España  promove este ano estas xornadas en 35 países co lema “Memoria”, coma chave colectiva e individual que transmitiu e mantivo a cultura xudía ao longo dos séculos.

    Ao longo do mes de setembro realizaranse visitas guiadas á colección de Sambenitos no Museo Diocesano, á Ruta Xudía de Tui, así coma por outros puntos de interese da cidade cos títulos “Nacemento e crise da comunidade xudaica, unha ollada no urbanismo histórico de Tui” ou  “Ourives xudeus e criptoxudeus tudenses”  a cargo de Suso Vila, José Ramón Fernández, Rafael Sánchez Bargiela e Sara Quintana.

    Dentro deste programa “Setembro Xudeu en Tui” poderanse visitar as exposicións  “Tu pueblo será mi pueblo” cedida pola Red de Juderías no Anexo Sala Municipal de Exposicións e a mostra divulgativa sobre Francisco Sánchez na Corredoira.

    Tamén ao longo do mes haberá distintas conferencias nas que Elyjah Byrzdett abordará “El problema converso” e Suso Vila, Rosendo Bugarín e Laureano Alonso distintos aspectos da figura de Francisco Sánchez.

    Outras actividades serán o concerto que ofrecerá Marta Quintana na igrexa de San Domingos, ou a Xornada de Debuxo ao aire libre do patrimonio xudeu de Tui en colaboración co Colectivo de Urban Sketchers de Galicia e de Portugal.

    A gastronomía estará presente tamén nestas actividades. Por unha banda dende este sábado e un total de catorce establecementos tudenses participan nas Xornadas Gastronómicas Sefardís ofrecendo pratos e tapas co ballacau coma protagonista. Amais Javier Zafra, cociñeiro e director do proxecto Sabores de Sefarad da Red de Juderías ofrecerá un obradoiro de elaboración e degustación de receitas de cociña xudeoespañola e unha conferencia sobre as claves e mensaxes da cociña xudía. Para estas dúas actividades é preciso inscrición previa en turismo@tui.gal.

    Na praza do Concello esta colocada xa a “Porta da Memoria”. Tomando unha foto na mesma e compartíndoa nas redes sociais coas etiqueas #memoria e #redjuderias ou enviándoa ao correo  descubridores@redjuderias.org entrarase no sorteo de distintos premios a través da Red de Juderías, da que Tui forma parte.

    A concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana Nuñez, destaca que o amplo programa de actividades que se realizara ao longo do mes de setembro “ten vocación de continuidade e pon de manifesto a aposta que o Concello de Tui realiza pola promoción do patrimonio xudeu da nosa cidade  que constitúe un dos aspectos do amplo acervo patrimonial que atesoura a cidade”.  Ana Núñez manifesta o agradecemento pola colaboración na realización das actividades previstas ao  Cabido da Catedral, do Museo Diocesano que abrirá excepcionalmente para as visitas guiadas, así coma as persoas que guiarán as visitas e ofrecerán as conferencias, ao colectivo Urban Sketchers e aos  establecementos de hostalaría que se suman a este evento.

    O lema deste ano nas Xornadas Europeas da Cultura Xudía “Memoria” é un concepto entretecido en moitos aspectos da vida e a práctica xudías, como é fundamentalmente no sentido de recuperación do pasado. Un concepto que permite seguir as pegadas e a memoria naqueles lugares onde houbo presenza xudía, e que a pesar da súa desaparición conserva aínda na actualidade unha herdanza e un patrimonio sen o cal non seriamos capaces de entender o presente, e cuxo legado, de xeración en xeración, constitúe un tesouro fundamental na transmisión da identidade. Hoxe, temos a sorte de contar en Tui con testemuños materiais e inmateriais que permiten coñecer e pór en valor este importante e enriquecedor patrimonio. Cómpre lembrar que Tui forma parte da Red de Juderías de España, e que máis aló das actividades concretas organizadas ao longo do mes de setembro a Ruta Xudía conta cunha sinalización permanente e pode seguirse tamén a través de  https://rutajudia.turismotui.mobi/ cun itinerario xeolocalizado e con información complementaria á existente nos sinais.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.