23.5 C
Pontevedra
Mércores, 27 de Setembro de 2023
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalO Rosal sitúase á cabeza da creación de comunidades enerxéticas para o...

    O Rosal sitúase á cabeza da creación de comunidades enerxéticas para o uso de renovables

    O Concello do Rosal vén de recibir unha axuda do Ministerio para a Transición Ecolóxica para crear unha Oficina de Transformación Comunitaria que impulse comunidades enerxéticas. É unha das cinco entidades galegas beneficiadas desta subvención, e recibirá 75.000 euros para poñer en marcha este proxecto pioneiro de promoción de enerxías renovables no eido local.

    O obxectivo da Oficina de Transformación Comunitaria que se vai crear no Rosal é asesorar sobre eficiencia enerxética, tarifas eléctricas, enerxías renovables e calquera tipo de información relacionada coa transición enerxética.

    A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, expresou a ledicia que supón que O Rosal conte con esta axuda. “É unha moi boa nova recibir esta subvención, que nos vai axudar a avanzar desde o local no camiño das enerxías limpas, co que o Concello ten un compromiso”, e engadiu que “Coa creación desta Oficina de Transformación Comunitaria poderemos traballar directamente coa veciñanza en temas tan preocupantes como o consumo de enerxía e o aforro na factura de luz”.    

    O propósito principal destas axudas do Ministerio é que se promocionen e asesoren as comunidades enerxéticas. Estas comunidades son conxuntos de persoas, pequenas empresas ou entidades locais que teñen como obxectivo desenvolver proxectos de enerxías renovables, eficiencia enerxética ou mobilidade sostible, cun impacto positivo a nivel medioambiental, económico ou social sobre os seus membros ou as zonas locais nas que desenvolven o seu labor.

    Prevese que o impacto global destes proxectos inclúa grandes beneficios medioambientais, coa diminución do consumo de enerxía e a redución no uso de combustibles fósiles, mais tamén evitar a dependencia sobre as compañías eléctricas, e combater a pobreza enerxética a través do aforro de enerxía, así como outros beneficios sociais, como a creación de emprego local ou o fortalecemento do tecido comunitario.

    LIBROS

    Alberto Mancebo, «O que me quedaba por dicirche»

    Poderiamos afirmar que nos últimos meses algo se está a mover na literatura galega pola aparición de novos autores que nos sorprenden gratamente pola frescura das súas propostas.

    Antón Riveiro Coello, «Hotel Carioca»

    Antón Riveiro Coello volve a demostrar a súa rara habilidade para a construción de historias nas que xoga a mantenta coas personaxes e mais co lector.

    Branca Novoneyra, «As cunchas baleiras»

    Logo dunha longa década de escrita íntima e de reflexión, Branca Novoneyra decide facer público un novo poemario de clara vocación estética e simbólica como é «As cunchas baleiras», que ela mesma concibe como unha «antoloxía» dos versos que saíron da súa pluma ao longo de todo este tempo.