Persoas emprendedoras, empresas, comunidades de montes, entidades sen ánimo de lucro e administracións locais do territorio do GDR 14 presentaron 25 proxectos á convocatoria de axudas da submedida Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014 – 2020 para as anualidades 2021 e 2022, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento.
Entre as solicitudes rexistradas atópanse 14 proxectos produtivos, entre os que se atopan proxectos de melloras en produción primaria e transformación de produtos agrarios, así como proxectos de creación, ampliación e mellora de empresas no territorio e a posta en marcha de estabelecementos turísticos e servizos asistenciais para persoas dependentes. No apartado de non produtivos promovidos por entidades privadas, foron 7 as solicitudes e os non produtivos impulsados por algún dos concellos que forman parte do ámbito territorial da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural foron 4, pertencentes aos concellos de A Guarda, Gondomar, Tui e Nigrán.
O importe total das axudas solicitadas é de 3,1 millóns de euros.
As iniciativas non produtivas privadas presentadas abranguen diferentes ámbitos, dende a creación dunha escola de música, á adquisición de equipamentos e medios de transporte adaptado ou a posta en valor do patrimonio arquitectónico e natural.
O obxectivo principal desta liña de axudas é colaborar na transformación do rural, fomentar o seu dinamismo, mellorar as condicións para manter ou xerar emprego no ámbito rural, dotar de servizos á poboación destas zonas e favorecer a mellora do seu nivel de vida e a inclusión social. Ademais, busca promover a sostibilidade da actividade rural a través da correcta xestión dos recursos naturais e potenciar a gobernanza local.