O PSdeG-PSOE da Guarda desenvolveu un acto na glorieta de Goián que contou coa presenza das candidatas Leticia Gallego e Fátima Rodríguez, para agradecer os compromisos de José Ramón Gómez Besteiro co vial de alta capacidade A Guarda-Tomiño (VAP) “que a Xunta ven dilatando desde fai 15 anos, e coa posta en marcha dun Centro de Día Comarcal”, sinalaron as candidatas socialistas.
O PSdG-PSOE denunciou que o proxecto da VAP, iniciado xa por Pérez Touriño na Xunta en 2008, foi continuamente bloqueado desde 2009 coa chegada de Feijoo ao Goberno Galego. “Así que case 20 anos despois seguimos aquí, compostos e sen VAP”. Por iso, o PSdeG-PSOE agradeceu “o compromiso claro de Besteiro cun vial clave para todo o Baixo Miño sen o que a comarca está destinada a morrer”.
As e os socialistas subliñaron tamén que Besteiro, comprometeuse co Colexio de Traballo Social de Galicia a desbloquear a atención á dependencia “que Rueda deixou ao borde do colapso, creando un novo centro de día comarcal que atenda a inxente demanda destes servizos, que permiten mellorar a calidade de vida tanto das persoas dependentes como das súas familias. Fronte a isto, dixeron, Rueda limitouse a anunciar un bono electoralista de suposto Coidado no Fogar para atender a persoas dependentes que nin é universal, nin automático na maioría dos casos, fomentando a privatización e abandonando os servizos públicos”.