Sábado, 3 Maio de 2025

Obras na rúa Galicia da Guarda, un paso máis na accesibilidade e mobilidade peonil

O Concello da Guarda deu inicio, esta semana, ás obras dunha das ‘Áreas de Actuación’ comprendidas no ‘Plan de mellora da Accesibilidade na vila da Guarda’ que abarca o treito da rúa Galicia comprendido entre o cruce con República Dominicana e o cruce con Concepción Arenal.

Esta primeira ‘Área de Actuación’ vén a resolver problemas puntuais de accesibilidade neste tramo de rúa e supoñerá un investimento de 47.900 € con cargo ao Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra.

A obra consiste na adecuación dun tramo da rúa Galicia comprendido entre a intersección con República Dominicana e Ramón Sobrino, onde se inclúe a sinalización sensorial para persoas con discapacidades visuais e a priorización e continuidade dos tránsitos peonís sobre os vehículos.

Pretendese adecuar un tramo urbano moi importante para a vila da Guarda, coa colocación de pavimentos de botóns, eliminación de vados en mal estado, eliminación de resaltes, redución de desniveis, instalación de bolardos para a protección dos peóns, elevación de pasos de peóns e colocación de pavimentos direccionais.

As obras teñen un prazo de execución de dous meses e será preciso o corte de rúas en momentos puntuais para acometer certos traballos.

Nas actuacións de humanización, recuperación e mellora de rúas, espazos e edificios públicos que se veñen realizando no concello da Guarda, a accesibilidade ten un peso importante hora de redactar os proxectos e executar obras.

Neste senso o concello ten realizado actuacións singulares como: a rampla de acceso a parte alta do auditorio de San Bento, o acceso a praia da Area Grande ou o ascensor e baños da paza de abastos, entre outras. Tamén se levan executado multitude de obras de humanización en plataforma única entre as cales destaca a rúa Concepción Arenal.

Precisamente a obra de humanización de Concepción Arenal seguiu os criterios marcados no ‘Plan de mellora da Accesibilidade na vila da Guarda’, redactado no ano 2018. Concretamente, a obra de Concepción Arenal, resolve a mellora da accesibilidade de dúas das ‘Areas de Consideración Especial’ marcadas como tales no mencionado plan: a zona ente a rúa Galicia e Avelino Vicente, e a zona entre a rúa Brasilino Álvarez e a rúa do Porto. Estas dúas zonas de actuación veñen marcadas como as primeiras fases a executar.