Mércores, 11 Decembro de 2024

O PSOE da Guarda reafírmase na súa loita contra as violencias machistas

“No ano 2019 máis de 17.000 mulleres galegas pediron axuda nos Centros da Información da Muller, polo que aínda queda moito por facer e queremos ratificar o compromiso do noso grupo e do Concello nesta loita”.

“Como cada 25 de novembro, o PSdeG-PSOE súmase á conmemoración do Día Internacional contra a Violencia contra as mulleres. Neste 2020 cúmprense 20 anos da designación desta data pola Organización das Nacións Unidas, e como cada un deles queremos mostrar o noso apoio a tódalas vítimas: ás mulleres asasinadas, aos seus fillos e fillas orfos; ás súas familias e amizades. Compartimos a súa dor, a súa desolación e seguiremos loitando contra violencia machista” declarou a secretaria xeral do PSOE da Guarda, Montse Magallanes, na presentación dunha moción contra a violencia de xénero que se debatirá en Pleno este venres.

“Este martes tamén ven de presentarse por parte da FEGAMP o estudo Acción dos concellos galegos pola igualdade que amosa que no ano 2019 máis de 17.000 mulleres pediron axuda nos Centros da Información da Muller en toda Galicia” explicou Magallanes quen engadiu que “aínda queda moito por facer e queremos ratificar o compromiso do noso grupo e do Concello nesta loita”.