Domingo, 11 Maio de 2025

O Concello da Guarda presenta o orzamento para o 2021

O novo orzamento permitirá facer fronte aos problemas derivados de estar traballando co orzamento prorrogado de 2018.

O equipo de goberno do Concello da Guarda presentará este venres 18 de decembro os  orzamentos  do próximo exercicio para a súa aprobación inicial polo Pleno Municipal.

O pasado mes de outubro comezaron os traballos de confección dun novo orzamento para o exercicio 2021, xa que o concello estaba traballando co prorrogado do ano 2018 e se atopaba con moitos problemas e moitas limitacións á hora de solucionar determinadas necesidades da veciñanza. Dende o mes de outubro se trasladou información aos diferentes grupos municipais e houbo reunións cos grupos que así o propiciaron coa vontade de chegar a acordos.

Co novo orzamento, que supera os 7 millóns de euros, o concello vai poder afrontar subvencións de diferentes administracións que requiren aportación municipal para poder levalas a cabo. Contempla tamén a transferencia á Xunta de Galicia por 281.294€ que é a aportación municipal para a construción da nova Escola Infantil, que está nestes intres en proceso de licitación.

Estes orzamentos contemplan un importante  esforzo orzamentario  na partidas de servizos sociais que superan a cifra de 616.000€,  producíndose un importante  incremento de máis do 40% dos recursos adicados a este departamento, onde o concepto que experimenta a maior suba é o que se refire á atención das persoas dependentes. O incremento do número de horas que se prestan ao coidado das persoas maiores fan que sexa necesario dotar máis crédito para poder afrontar a execución do gasto. Tamén  hai un incremento do 20% nas partidas adicadas a emerxencia social.

Así mesmo, estes orzamentos prevén a cobertura de novas necesidades ocasionadas pola pandemia e que terán que ser afrontadas no 2021.  Entre outros destacamos os  gastos ocasionados pola necesaria desinfección de espazos públicos, mantemento e reforzo de limpeza en espazos naturais,  acondicionamento de sendas, material de protección ante a covid  e o reforzo de limpeza  para a desinfección en escolas e centros educativos do municipio. En definitiva,  continuar traballando co orzamento de 2018 suporía non atender ás actuais demandas e paralizar o concello.  Co novo orzamento o equipo de goberno pretende  satisfacer as necesidades da veciñanza por medio da prestación dos servizos que son competencia municipal, afrontar os retos que prantexa o 2021 e respostar ás diferentes  problemáticas que orixina ter que convivir coa pandemia orixinada pola Covid-19.