Domingo, 4 Maio de 2025

O Concello da Guarda mellorará os espazos axardinados da estrada de Circunvalación

Os traballos serán realizados pola empresa local de Xardineiría San Jerónimo Emiliani

O Concello da Guarda porá en marcha nos próximos días  un proxecto para a mellora estética das zonas verdes existentes na estrada de circunvalación ao seu paso polo barrio da Cruzada. O concello encargou a proposta de mellora do axardinamento nesta estrada á empresa de xardineiría San Jerónimo Emiliani, xa que a mesma conta cunha ampla experiencia na zona debido a que desenvolve labores de mantemento na mesma.

Este proxecto contempla a plantación de preto de 90 especies, entre as que destacan magnolios, hortensias, figueiras, madroños, entre outras especies arbóreas e arbustivas, elixidas especialmente para estes espazo polas súas características e o seu mantemento, atendendo tamén a criterios biolóxicos, ecolóxicos, estéticos e económicos. A hora de redactar a proposta a empresa tivo en conta que a actuación está moi condicionada pola influencia dos ventos marítimos e a  salitre.

Os traballos realizaranse nun total de 6 tramos, dende o Colexio M. Rodríguez Sinde ata a altura do nº99 da estrada de Circunvalación, actuando en ámbalas dúas marxes da estrada. Esta  mellora do axardinamento  na  zona da cruzada hai que engadirlle as actuacións que o concello está desenvolvendo noutros espazos da localidade, así se están replantando varias árbores ao carón da zona escolar da Sangriña, na Armona  e en varias rúas da localidade,  e se realizou unha mellora de axardinamento no inicio da rúa de baixada á Area Grande. O concello da Guarda segue incrementando os espazos verdes en liña coa procura  da mellora paisaxística  da localidade.