O Concello da Guarda vén de publicar unha serie de folletos informativos con información de interese para a cidadanía, non só no que fai referencia a normas de prevención senón tamén no que atinxe á tramitación de documentos como poden ser o DNI ou a demanda de emprego.
No caso do Documento Nacional de Identidade, o Concello lembra que prorrógase automáticamente durante un ano a validez dos DNI que caduquen a partir da declaración de alarma (14/03/2020). Por este motivo no Concello non se dará vez para a renovación do DNI ata que remate esta crise sanitaria

Doutra banda, o Concello que preside Antonio Lomba, subliña que non será necesario renovar a damanda de emprego ata o 30 de abril e, por ese motivo, non haberá acceso ao punto de emprego do Concello da Guarda ata o remate da crise. Tamén lembra o Goberno local que o Consello de Ministros adoptou a decisión de “prorrogar as prestacións por desemprego de maneira automática mentras dure a crise do Covid-19”.
O Concello guardés insiste en que todas aquelas persoas que teñen que traballar durante o estado de alarma “deben levar no seu poder un certificado da empresa para facilitar o traballo á Garda Civil”.
Finalmente, cómpre salientar que o Concello da Guarda ofrece un servizo de ‘Auxilio aos grupos de risco’ a traves dos Servizos Sociais, Protección Civil e a Policía Local. Este servizo ofrécese en colaboración con Avelaíña, Conrazones, San Vicente de Paul, Cruz Vermella e San Xerome. O obxectivo e protexer aos grupos de risco de contaxios e atender as persoas desfavorecidas.
Toda información de interese sobre estes e outros temas, a poden atopar veciñas e veciños na páxina web do Concello: www.aguarda.es