Sábado, 3 Maio de 2025

José Miñones apoia a mellora da mobilidade transfronteiriza entre A Guarda e Caminha

O Ministerio para a Transición Ecolóxica está implicado na protección do litoral da Guarda, afectado pola dinámica da desembocadura do Miño

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, apoiou a mellora da mobilidade transfronteiriza entre A Guarda e Caminha como conexión costeira entre España e Portugal. Expresouse así tras reunirse co alcalde, Antonio Lomba, acompañado pola subdelegada en Pontevedra, Maica Larriba, e antes de facer un percorrido polo concello.

José Miñones explicou que a Agrupación de Cooperación Transfronteiriza, dependente da Deputación de Pontevedra, realizará un estudo sobre as posibilidades de mellora da mobilidade entre as dúas beiras do Miño. “Consideramos que pode ser moi interesante para cohesionar as localidades de Caminha e da Guarda”, destacou.

Tanto o delegado do Goberno como o alcalde están pendentes da conclusión deste estudo porque consideran que a veciñanza de ambos lados do río ten dereito “a manter unha mobilidade sostible e que ademais favoreza o tránsito do Camiño Portugués pola costa”, abundou.

José Miñones detallou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica está implicado na protección litoral da Guarda, afectado pola dinámica da desembocadura do Miño. De feito, entende que unha das principais problemáticas está vinculada co litoral, no que actúa o Goberno.

Un exemplo é a Praia da Lamiña, onde Costas creou un dique por 130.000 euros con 90 metros de lonxitude. O obxectivo é evitar riscos vencellados con indundacións ante a acción do mar. Ademais, A Guarda conta coa protección especial da figura Rede Natura 2000, que garante o coidado nas actuacións.