Mércores, 11 Decembro de 2024

Concello da Guarda e Xunta reúnense para avanzar na mellora das instalacións deportivas do municipio

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes, mantiveron na tarde deste venres 31 de xaneiro na sede da Casa do Deporte da Xunta de Galicia en Vigo, unha reunión co secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa e o xefe do servizo de Deportes de Pontevedra, Daniel Benavides Alonso de cara a trasladarlles as demandas existentes sobre o Pavillón Municipal de Deportes da Sangriña na Guarda, valorando a necesidade dunha reforma e ampliación.

Neste senso, José Ramón Lete Lasa indicou que a Xunta de Galicia ten un compromiso co balonmán Guardés, e que “ven necesario unhas mellores instalacións na Guarda”, ben coa realización dun novo pavillón ou ben coa reforma do actual pavillón da Sangriña, cunha disposición a participar na mellora destas instalacións.

Pola súa banda, o alcalde Antonio Lomba presentoulles o proxecto de reforma e ampliación do Pavillón Municipal da Sangriña, un proxecto moi ambicioso no que se está traballando xunto cunha modificación puntual do PXOM na zona da Sangriña para habilitar terreos para un posible novo pavillón, pero indicaron que “coa proposta presentada de reforma e ampliación do actual pavillón se cumprirían as espectativas”.

A Xunta comprometeuse a que os seus técnicos revisarían este proxecto e que reuniranse próximamente cos representantes municipais da Guarda para analizar os resultados desta avaliación técnica, agardando por parte do Concello da Guarda que sexan favorables, indicando tamén que se continuarán realizando xestións neste ámbito para poder ter na Guarda unhas instalacións mellores, para que o Mecalia Atlético Guardés poda xogar e representar á Guarda nun sitio verdadeiramente digno e como se merece para a categoría na que está xogando.

Do mesmo xeito tamén trasladáronlle as súas preocupacións pola situación que está a atravesar o Clube Mecalia atlético Guardés.

Chegouse á conclusión que o Mecalia Atlético Guardés precisa dunha directiva forte para a busca de financiamento e poder procurar un bo patrocinador e que todas as administración tamén apoien, coas capacidades de cada unha, para garantir que nos próximos anos podan seguir xogando e manter a este equipo na élite do deporte galego, estatal e internacional.