8.5 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaComeza o acondicionamento do acceso a praia do Muíño na Guarda ao...

    Comeza o acondicionamento do acceso a praia do Muíño na Guarda ao abeiro do proxecto «Visit Rio Minho»

    Uxío Benítez reclamou novos fondos europeos que permitan acondicionar o resto de sendeiros verdes galego–portugueses, un dos maiores atractivos do territorio transfronteirizo

    O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, anunciou hoxe o inicio das obras de acondicionamento do acceso á praia guardesa de O Muíño, porta do espazo natural protexido do Esteiro do Río Miño, durante unha visita a este enclave onde estivo acompañado polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba. Segundo explicou o deputado provincial, esta actuación insírese no proxecto Visit Rio Minho, de Preservación e valorización do Río Miño Transfronteirizo, e permitirá a conexión dos dous sendeiros que desembocan no areal, un marítimo e outro fluvial, consolidando un novo treito da rede de sendeiros galego–portugueses do Río Miño.

    O director do AECT Rio Minho lembrou que “esta rede de sendeiros transfronteirizos é un dos maiores atractivos do territorio e dos que máis interese suscita, con máis de 100 km de rutas verdes que van dende os concellos de Crecente e Melgaço ata a desembocadura do río”. Así mesmo, Benítez aproveitou a ocasión para reivindicar “novos fondos europeos que permitan completar o acondicionamento do resto de sendeiros, e levar a cabo este ambicioso proxecto de valorización e promoción do territorio, que abrirá as portas á chegada dun turismo sostible e de calidade”.

    Na actualidade, o acceso á praia do Muíño consiste nunha plataforma de recheo e un muro, así como un aparcamento a pé de praia. O proxecto de mellora e recuperación do acceso ao areal ten unha dobre finalidade, por unha banda a recuperación da contorna, preservando e protexendo un espazo de alto valor ecolóxico, e por outro, a mellora da accesibilidade e os servizos da praia para a cidadanía.

    As obras inclúen a construción dunha rotonda cunha zona de carga e descarga, a creación dunha parada de bus, a ampliación das entradas ao areal con dúas pasarelas de madeira e a rexeneración da praia mediante o retranqueo do muro de contención existente.

    O orzamento de adxudicación da obra foi finalmente de 168.287,34 euros, o que supuxo un 12,44 % de baixa con respecto á licitación, resultando gañadora a empresa Marconsa S.L.

    Visit Rio Minho é un proxecto de cooperación transfronteiriza, cofinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco da convocatoria de axudas do Programa de Cooperación Territorial Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.