O departamento de Deportes do Concello da Guarda ven de facer público o Calendario de Andainas de Primavera 2020 que constará dun total de 4 propostas a realizar entre o 21 de marzo e o 6 de xuño. As andainas, organizadas conxuntamente polo Concello guardés e Câmara Municipal de Caminha, teñen o obxectivo de dar a coñecer a paisaxe e o patrimonio da comunidade galega e o país veciño.
As persoas interesadas en participar poden xa realizar a súa inscrición contactando co Departamento de Deportes do Concello da Guarda no teléfono 690 928 751 ou remitindo un enderezo electrónico a [email protected] O pagamento das andainas é obrigatorio realizalo antes do 13 de marzo.
Sábado 21 de Marzo. Trilho dos Pastores na serra D’Arga (Portugal)
- Distancia: 15 km
- Saída: 9.00 h. da explanada da Sangriña
- Hora aproximada de chegada á Guarda: 17.00 h.
- Prezo: 9 €
- Ruta iniciada en San Lourenzo da Montaría que presenta unha espectacular vista panorámica da Serra d’Arga e o val do río Lima. A zona posúe unha gran riqueza no referente á flora, á fauna, á xeoloxía e ao patrimonio, con multiplicidade de cruceiros e igrexas de grande interese cultural.
Sábado 18 de abril. Rota da Ribeira do Ulla (Touro)
- Distancia: 12,8 km
- Saída: 9.00 h. da explanada da Sangriña
- Hora aproximada de chegada á Guarda: 18.00 h
- Prezo: 10 €
- A segunda ruta discorrerá de xeito lineal a a carón do río Ulla, por sendas de pescadores, camiños de carro, grandes bosques, fervenzas e carballeiras. Atoparemos restos de muíños e ouriceiras abandonadas utilizadas no pasado para recoller os ourizos das castañas e protexelos dos xabaríns, así como as ruínas do Pazo de San Cristovo.
Sábado 16 de maio. Trilho na paisagem protegida de Corno do Bico (Portugal)
- Distancia: 15 km
- Saída: 9.00 h. da explanada da Sangriña
- Hora aproximada de chegada á Guarda: 17:00 h.
- Prezo: 9 €
- Esta ruta discorre polo santuario natural da Paisagem Protegida de Corno do Bico, unha rexión montañosa cunha paisaxe singular de aspecto caótico. Alí atoparemos poboados fortificados, monumentos fúnebres do neolítico e poderemos observar a harmoniosa mistura entre a natureza e a influencia humana.
Sábado 6 de xuño. Sendeiro natural Aciveiro-Candán (Forcarei)
- Distancia: 15 km
- Saída: 9.00 h. da explanada da Sangriña
- Hora aproximada de chegada á Guarda: 18.30 h.
- Prezo: 11 €
- Ruta circular iniciada no Mosteiro de Aciveiro. A andaina discorre polos arredores do río Lérez, e ascende polas suaves ladeiras da Serra do Candán, pertencentes á Rede Natura 2000. Atoparemos muíños, pontes, cruceiros, bosques e prados mentres camiñaremos polo antigo camiño de carro, rodeados polos remanentes do antigo traballo de cantería da zona.