O Trail do Trega coroou a Adrián Rodríguez, na categoría masculina, e a Eva Piñel, na feminina como gañadores da sétima edición da proba nunha xornada marcada pola recuperación para o mundo do atletismo de olímpica Julia Vaquero. As e os deportistas volveron demostrar na Guarda o seu compromiso coa competición amais de dar un exemplo de como realizar os protocolos sanitarios.
Cómpre salientar que non foi preciso lembrarlle as normas ás e aos deportistas. Ninguén as saltou, todos as cumpriron “a machada” como ben puideron comprotar o alcalde da Guarda, Antonio Lomba; concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes e o deputado provincial de Deportes Gorka Gómez, que asistiron a esta proba na que tomaban a saída 300 participantes.
Tal e como se dera a coñecer hai días na rolda de prensa de presentación do evento deportivo, as e os participantes tomaban a saída en grupos de 10, separados entre eles 3 metros e cunha separación entre grupos de 30 segundos. Como medida adicional, as e os atletas con mellores marcas e mellor condición físicia tomaron a saída os primeiros para, dese xeito, evitar aglomeracións e, na medida do posible, adiantamentos.
[su_image_carousel source=”media: 22904,22906,22907,22908,22909,22914,22915,22910″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]
Foron, segundo todos e todas as participantes, “14 quilómetros esixentes e duros”. O bo tempo favoreceu a realización da proba que se realizaba polo complicado percorrido do emblemático Monte Santa Tegra. Adrián Rodríguez foi o que ocupou a primeira posición na clasificación xeral cun tempo de 1:08:01. Alex Goberna foi segundo ao parar o cronómetro en 1:08:38. E o terceiro foi Daniel Pazó, que finalizou con 1:09.32. A mellor na categoría feminina foi Eva Piñel, que conquistou o triunfo con 1:27:12. No segundo posto clasificouse Vanesa Villa, con 1:30:17. E a terceira posición foi para Tamara García, cun rexistro de 1:30:34.
O retorno de Julia Vaquero ao atletismo
Logo de moito tempo afastada da competición, Julia Vaquero volvía a calzarse as zapatillas e volveu demostrar a súa clase e talento, esa que só teñen persoas de temple extraordinario capaces de superar as máis difíciles situacións persoais, sobrepoñerse, mirar cara adiante e e dar un paso máis. Hai uns meses comezaba Julia os adestramentos e na proba que se realizou na súa vila natal confirmou o que todos sospeitaban: segue mantendo toda a calidade deportiva da que outrora fixo gala.
Julia luciu o dorsal número 1, o que lle outorgou a organización como especial distinción polo seu brillante palmarés atlético. E a deportista levouno con orgullo. Ese mesmo orgullo que sentiron todos e todas as participantes ao compartir carreira con ela.
Antes da saída e unha vez concluída a proba, foron moitos os que se achegaron a saludala e facerse fotos con ela. A propia Julia, unha vez rematada a proba aseguraba que “é duro o percorrido, pero gocei. Diso tratábase. De volver gozar co atletismo”. Aínda que pouco importaba para ela o lugar que ocupou ao final, foi a terceira mellor atleta feminina da Guarda. Pero o resumo era fácil: Julia Vaquero está novamente no atletismo.
Julia Vaqueiro recoñeceu que “é moi bonito que existan este tipo de probas. E que participe moita xente. Iso quere dicir que o atletismo está vivo”. A atleta mostrou varias veces as zapatillas coas que afrontou a carreira e agradeceu todas as mostras de respecto e admiración que recibiu.
O Trail do Trega cumpriu unha sétima edición cargada de simbolismo. Os 14 quilómetros convertéronse tamén nun desafío para Serafín Martínez, o organizador, pero tamén para o Concello da Guarda e a Deputación de Pontevedra que apoiaron o evento desde que se expuxo a súa celebración. “Un xesto e aposta que se debe aplaudir”, sinalaron as autoridades.