Domingo, 4 Maio de 2025

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda segue denunciando o deterioro “dun servizo público esencial para a cidadanía”

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda vén de chamar a atención, unha vez máis, polas deficiencias que, dende hai meses padece o Centro de Saúde da Guarda que, dun cadro de persoal de 8 médicos e médicas, na actualidade “dispón soamente de catro e ás veces menos”. A situación que asegura a plataforma, “nunca pode ser aceptable” transfórmase neste momento de pandemia do coronavirus “nunha auténtica irresponsabilidade por parte das autoridades sanitarias da Xunta de Galicia”.

A falta de persoal sanitario –denuncia a Plataforma– “está xerando unha sobrecarga de traballo aos profesionais do centro de saúde que provoca unha atención aos pacientes deficitaria con moitos días de espera para poder ter unha consulta” e aseguran que a veciñanza está a asistir a un “deterioro moi grave dun servizo público esencial para a poboación como é a sanidade”.

“Compartimos o enfado da sociedade guardesa diante desta situación e pedímoslle que dirixa as críticas contra o verdadeiro responsábel, a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia” porque, engaden, “sería absolutamente erroneo orientar a nosa indignación contra os traballadores e traballadoras da sanidade” que son, en todo caso, “víctimas igual que os usuarios, dun proceso de recortes na sanidade pública galega”. Nese sentido, lembra a Plataforma, as e os traballadores da sanidade “deben ser os nosos aliados na defensa e na reivindicación dunha sanidade pública galega de calidade”.

Doutra banda, a plataforma quere anunciar a desconvocatoria da concentración que se tiña pensado celebrar mañá xoves, 17 de setembro, “por mor do estado epidemeolóxico da Guarda” se ben adiantan que, en canto a situación o permite “temos previsto realizar unha grande mobilización para denunciar a situación que vivimos e para esixir da Xunta de Galiza o persoal necesario para que o centro de saúde funcione dentro duns parámetros de calidade aceptabeis”.