Domingo, 4 Maio de 2025

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda chama a unha nova concentración o 21 de abril

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda vén de facer un chamamento á participación de toda a veciñanza nunha concentración que se realizará o próximo mércores 21 de abril ás 20 horas na Praza Avelino Vicente da Guarda. Esta concentación forma parte das que as distintas plataformas integradas en SOS sanidade pública realizarán en distintas vilas e cidades galegas “para esixir da Xunta de Galiza a recuperación do sistema sanitario público galego trala pandemia da COVID-19”.

A Plataforma lembra que a pandemia chegou “a unha atención primaria debilitada polos gobernos do PP, sen suficientes recursos humanos, materiais e organizativos que limitou a súa capacidade para poder asumir a enfermidade e ao mesmo tempo atender adecuadamente as outras patoloxías” e poñen por exemplo A Guarda “que durante unha boa parte da pandemia contou en algúns momentos coa metade do persoal médico que lle corresponde”.

Imaxe de arquivo dunha das concentracións convocadas pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda, anterior á pandemia da COVID-19

“As barreiras de acceso aos Centros de Saúde e ás especialidades hospitalarias, que suspenderon consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas afecta a saúde da poboación e está xerando un gran malestar tanto do persoal sanitario como a a nível social”, explica a Plataforma guardesa na súa convocatoria.

Aos anteditos problemas, engádese “a dificultade de comunicarse cos Centros de Saúde e de recibir asistencia presencial” un problema cualificado de “serio” é para o que a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda “esixe solucións inmediatas”.

Para a Plataforma, todos estes motivos son máis que suficientes para que “todo o pobo da Guarda participe nesta concentración”.