Domingo, 4 Maio de 2025

A Mancomunidade do Baixo Miño expresa os seus desexos para o 2020

Os membros da Mancomunidade do Baixo Miño, formada polos gobernos de Tui, Tomiño, O Rosal e A Guarda, reúnense antes de rematar o ano para tratar algúns temas importantes de cara ó ano que ven. Entre eles, amosan a súa preocupación por dúas cuestións que consideran cruciais para a veciñanza: a situación da Sanidade e do Transporte Público na Comarca.

Lembran as alcaldesas e alcaldes da Mancomunidade que dende o mes de xullo veñen solicitando unha cita coa Consellería de Sanidade na Xunta de Galicia para falar da súa situación. Ata o momento, sinalan, nin tan sequera obtiveron unha resposta a esta solicitude.

No mes de agosto, por primeira vez na historia, xuntáronse os catro Concellos para facer as alegacións ao anteproxecto de transporte que sacou a Xunta e que deixaba á comarca nunha situación aínda máis deficitaria á actual. Os catro Concellos foron quen de realizar un plan das necesidades do transporte para os mesmos que presentaron conxuntamente na Xunta.

Nestas datas de desexos e bos augurios coa nova entrada de ano, desde a Mancomunidade amosan de novo o seu desexo inminente de ter unha reunión coa Consellería de Sanidade, así como que se fagan efectivas e se contemplen as necesidades implementadas co obxectivo de mellorar a situación do transporte para a veciñanza dos seus Concellos.