Sábado, 3 Maio de 2025

A Guarda proxectará o filme ‘A foreign song’

A Guarda acolle este xoves 26 de outubro unha nova proxección da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, que promoven a Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. O Salón de Actos do Centro Cultural da vila acollerá ás 20:30 horas o pase do documental ‘A foreign song’, do realizador César Souto, finalista nos Premios Mestre Mateo nas categorías de Mellor documental, Mellor dirección de fotografía e Mellor dirección de produción.

Este documental aborda a figura do poeta modernista estadounidense Wallave Stevens, cuxa ordinaria vida escondía ao autor dunha das obras poéticas máis singulares do século XX. Traballou nunha compañía de seguros durante 40 anos. Todos os días erguíase ás 6:00 e deitábase ás 21:00 horas. Nos seus días non había pericias interesantes nin grandes dramas. Cando se lle pediu unha reseña biográfica para presentar a súa obra, o poeta negouse a escribila. Cría profundamente que a poesía non é persoal e que a voz que estaba detrás dos seus poemas era en realidade a voz dun outro.

Ademais da Guarda, o ciclo chega este año aos concellos da Estrada, Caldas de Reis, O Grove e Baiona. Estes municipios continúan a exhibir unha programación que inclúe ‘María Casares, a muller que viviu mil vidas’, ‘Unicorn Wars’ e ‘O corpo aberto’, recoñecidas respectivamente como Mellor documental, Mellor longametraxe de animación e Mellor longametraxe na última edición dos Mestre Mateo.  O resto de títulos do programa son, ademais de ‘A foreign song’, os documentais ‘Onde máis doe’ (Manane Rodríguez, 2022) e ‘No somos nada’ (Javier Corcuera, 2022). Tamén o filme de animación ‘Valentina’ (Chelo Loureiro, 2022), a película ‘Live is life’ (dirixida por Dani de la Torre), e a longametraxe ‘Código Emperador’ (Jorge Coira, 2022).