17.5 C
Pontevedra
Venres, 4 de Outubro de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaA Guarda prepárase para unha fin de semana chea de gastronomía, creatividade,...

    A Guarda prepárase para unha fin de semana chea de gastronomía, creatividade, música e malabares

    A Guarda remata o mes de xullo con novas iniciativas para todas as idades, dende ORPAGU organízase a XVIII Festa do Peixe Espada, un evento gastronómico que será inaugurado este venres día 28 de xullo, ás 19:00 h, no Salón de Plenos do Concello da Guarda. O evento terá lugar nun total de 16 establecementos de hostalaría do municipio que dende o 28 e ata o 30 de xullo ofrecerán diferentes pratos especiais elaborados con Peixe Espada como a zorza, empanada, á cazuela, en escabeche, á brasa, entre outras elaboracións. A maiores a Festa inclúe diferentes actividades de dinamización con obradoiros, exposicións, pasarrúas… toda a información pódese consultar na web https://orpagu.com.

    Seguindo coa programación da fin de semana, na xornada deste sábado terá lugar a III Mostra Creativa do Baixo Miño, unha aposta polo emprendemento e por visibilizar a gran cantidade de marcas e talentos creativos que temos na nosa comarca, xa sexan de artesanía ou en formas máis modernas de expresión. Ao igual que o ano pasado, a Mostra coincidirá en data coa Festa do Peixe Espada, polo que existirá unha programación de actividades conxunta e que complemente a ambos eventos. Xa son máis de 20 os inscritos para esta terceira edición, entre eles:  Acontravento(roupa), Anxo Ferreira (cantería), Vikensen (madeira), Merino Coqueta (Fieltro e lá), Little Vero (roupa), Vargas Lemos (xoieria), Mar.jewelrin (xoieria), Coco bisutería (xoieria), Sapone di Principesca (cosmética natural), É Fish (xoieria), Marina Alonso San Miguel (ilustracións), Sapoconcho (ilustracións), Tullavecord accesorios (en madeira, resina, etc.), Cuchituras design (accesorios para o pelo), La casa taller (pintura), Pazosketchbook (pintura), Luc&Luc (roupa), Sil Domínguez (roupa),  Breaktime (Ilustración sobre prendas) e Lana (Amigurumis).

    O vindeiro sábado 29 de xullo ás 20:30h. terá lugar no Auditorio de San Benito unha das grandes citas culturais deste verán. Un concerto onde os malabares serán os bailaríns deste ballet aéreo, ao ritmo dos clarinetes, saxos e trompetas da Agrupación Musical da Guarda, que farán de pintores dun cadro expresionista no que as bolas, mazas e aros debuxarán no ar os sentimentos e emocións que transmiten a música e o circo. O espectáculo Concerto de malabares é na actualidade un dos proxectos máis orixinais e suxerentes no eido escénico en Galicia, concebido pola prestixiosa compañía de circo Pistacatro, está ideado para poder ser desfrutado por público de tódalas idades, albergando un especial valor familiar e educativo debido ó contido pedagóxico que inspira todo o proxecto. Sen dúbida a emoción e a diversión están garantidas, para crianzas, adultos, amantes da música, de pasar un bo rato e sobre todo para todo o que este aberto. Este espectáculo é financiado parcialmente con cargo ao programa do AGADIC-XUNTA DE GALICIA “CULTURA NO CAMIÑO 2023” e para facerse realidade precisou do traballo conxunto da compañía Pistacatro e a Agrupación Musical da Guarda, que se remonta a principios de 2023.

    O Padroado Municipal de Santa Trega ofrece unha temporada máis as visitas guiadas ao Castro Santa Trega para que os visitantes e veciños poidan coñecer mellor o valor arqueolóxico deste monte. Para os meses de maior afluencia,xullo e agosto, amplíase a oferta con visitas de martes a domingo e 4 quendas ao día (12:00, 13:00, 18:00 e 19:00 horas). Deste xeito, os visitantes interesados terán a oportunidade de coñecela cultura castrexa e a nosa paisaxe. Tan só hai que estar a hora no punto de encontro(antiga casa forestal). Para calquera dúbida poden consultar directamente no Museo Arqueolóxico no tel. 690.01.70.38 (tamén WhapsApp) ou un mail a masat@aguarda.es. A visita guiada é gratuíta pero aqueles que accedan ao Monte Santa Trega en vehículo deberán abonar o prezo público.

    A duración aproximada é 45 minutos e o punto de encontro é o aparcadoiro da Casa Forestal desde onde se partirá para comezar esta fermosa ruta polo interior do castro escavado.

    O pasado día 18 de xullo inaugurouse na Casa dos Alonso a Exposición de Pintura “Catro médicos pintores en A Guarda”, unha exposición que recolle diferentes obras pictóricas de catro compañeiros de profesión que comparten tamén a súa paixón pola arte. Nela se poden observar diferentes maneiras de entender e plasmar as variadas percepcións dos seus actores, Leopoldo García, Pablo Galego, Jesús Vázquez e Tino Cuesta. A Exposición “Catro médicos pintores en A Guarda” estará aberta ao público ata o 31 de xullo en horario de 9:00h a 14:00h de luns a venres.

    O Concello da Guarda colabora un ano máis coa Asociación Piueiro e durante os meses de verán vanse ofrecer saídas gratuítas de navegación pola costa co Volanteiro Piueiro para aqueles que queiran descubrir esta embarcación a vela que incluirá ademais de navegación polo exterior do porto. O prazo de inscrición abrirase o domingo anterior ás saídas desa mesma semana e poderase realizar presencialmente na Oficina de Turismo, mediante mail aguarda.oficina.turismo@gmail.com ou chamando ao teléfono 986 61 45 46 a partir das 10:00h, horario de apertura do domingo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.