O Concello da Guarda ven de pedir a Medio Ambiente da Xunta de Galicia a realización do proxecto de recuperación ambiental do ‘Miradoiro Natural do Miño’, un proxecto que contempla unha actuación sobre o espazo do parque da Armona en Camposancos, incluído na Rede Natura 2000.
O proxecto de actuación sobre este espazo permitirá eliminar o aparcamento para vehículos rodados con bolardos de madeira que impidan, ou no seu caso regulen o seu acceso a esta zona, para poñer en valor este espazo como un lugar para desfrute das persoas.

O Concello da Guarda ven de retirar recentemente a pérgola de madeira existente neste lugar, xa que se atopaba moi deteriorada polo paso do tempo e constituía un perigo para as persoas, ademais o proxecto contempla a rehabilitación dunha pasarela de madeira que tamén se atopa deteriorada e que axudará a preservar este entorno natural.

Con todas estas actuacións búscase a preservación desta zona en condicións que permitan ademais a interpretación do entorno natural do esteiro mediante a instalación dun panel de forma que os veciños e os visitantes entendan a importancia de “desfrutar” de forma ordenada e compatible cos obxectivos de conservación, mostrándolles a riqueza da fauna e da flora do esteiro.
O presuposto total para este proxecto ascende a un total de 24.199,33 € IVE incluído.