A Casa dos Alonso acolleu o pasado sábado o acto de inauguración da Exposición ‘Airiños aires, Rosalía’ unha mostra na que a través das fotografías e Xurxo Lobato, faise un percorrido pola vida e obra da poetisa. No acto inaugural contouse coa presenza de Xurxo Lobato e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, así coma o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, a concelleira de Cultura, Montserrat Magallanes e máis de medio cento de asistentes.
‘Airiños aires, Rosalía’, é unha mostra que supón unha viaxe a través dos espazos vitais polos que transitou Rosalía de Castro e na que o fotógrafo Xurxo Lobato rastrexa o peregrinar da escritora por distintos puntos da xeografía rosaliana tanto en Galicia como fóra dela
A través das cincuenta imaxes de gran formato que ocuparán ata o 8 de marzo a Casa dos Alonso da Guarda, a exposición traza a xeografía física, pero tamén emocional dunha autora que protagonizou un complexo peregrinar durante os seus corenta oito anos de existencia, ao mudar constantemente de residencia e de localidade. ‘Airiños Aires, Rosalía’, permítenos emprender unha viaxe singular a partires das primeiras constancias da vida da escritora, como a pía de Santiago de Compostela onde recibiu o bautismo, localizada no Hostal dos Reis Católicos, para avanzar cara os seus referentes clásicos, o terreo rosaliano por excelencia: Compostela, Lestrobe, Padrón…, as Terras de Iria que en tantos poemas cantou.
[su_image_carousel source=”media: 11758,11759,11760,11757,11755,11761″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]
A Casa da Matanza, espazo senlleiro na vida de Rosalía e epicentro actual da cultura rosaliana, ocupa tamén un importante espazo nunha mostra que rexistra tamén reflexos máis fugaces da súa vida froito das súas estadías en Madrid e Simancas, seguindo os pasos profesionais do seu marido, Manuel Murguía.
Na última parte, ‘Airiños Aires, Rosalía’ distánciase dos emprazamentos físicos para atender as recreación artísticas desta icona da cultura galega. Desde figuracións clásicas en forma de retratos e esculturas, ata outras creacións máis apegadas á modernidade, que dan conta da profunda pegada que a autora deixou na nosa cultura e da continua reinterpretación que provoca a súa figura para adaptarse aos novos usos e costumes.
O autor da obra, Xurxo Lobato, fixo unha visita guiada aos asistentes da inauguración, explicando cada imaxe e indicando que é “a miña humilde homenaxe a Rosalía de Castro, a quen considero escritora de referencia tanto na literatura galega como na española. Foi unha muller que non quixo restrinxirse ó ámbito doméstico. Escapou do rol tradicionalmente atribuído á muller e asumiu protagonismo como escritora nun tempo no que iso era navegar contra o vento e a marea. Relendo agora a Rosalía ollei unha intelectual, una feminista, unha galeguista, unha muller con gran conciencia social e política. Unha muller que sente o seu País, e que o sente con dor: a emigración, a inxustiza, a incomprensión de Castela… E unha muller que tamén ama a natureza”.
O fotógrafo manifestou que “nestes tempos cómpre reivindicar a Rosalía como poeta e escritora, como pioneira na defensa das mulleres e como símbolo de galeguidade”. E sinala que estas fotos “queren ser unha mirada nostálxica, evocadora da vida de Rosalía e da súa obra”.
Xurxo Lobato é un fotógrafo galego nado no ano 1956 na Coruña e que ten publicado fotografías en numerosos medios e axencias de comunicación a nivel nacional e internacional, recibindo varios premios polo seu traballo de periodismo gráfico ou fotoperiodismo.
Anxo Angueira nado en Dodro no ano 1961 é un filólogo, escritor e estudoso da literatura galega e actual presidente da Fundación Rosalía de Castro dende o ano 2012. É o autor de varios libros de diferentes xéneros como a narrativa, a poesía e o ensaio, destacando pola súa obra Pensa Nao(1999), pola que recebe o Premio Xerais na categoría de novelas. Na súa intervención valorou moi positivamente esta exposición e o traballo do fotografo para plasmar a vida e os lugares rosalianos, indicando a súa satisfacción por que, cada día, máis concellos “fagan súa” a Rosalía e ao seu legado.
A Exposición estará nos baixos da Casa do Alonso ata o 8 de marzo en horario de Luns a Venres de 8:00 h a 15:00 h e as fins de semana en horario de 11:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 19:00 h