Sábado, 3 Maio de 2025

A Guarda oferta formación gratuita sobre o aproveitamento da resina natural con posibilidades de inserción laboral

A formación desenvolverase na Casa dos Alonso os días 24 e 25 de novembro en horario de 09:00 h a 14:00 h, e comprenderá unha parte teórica en aula e prácticas no monte. Necesaria previa inscrición.

Nestas xornadas que promove o Concello da Guarda, en colaboración coa empresa Laxes Ambiental SL (Oia, Pontevedra), que a día de hoxe é a empresa con maior produción de resina natural en Galiza, abordaranse temas como a historia da resina na nosa comunidade autónoma, rendibilidade, usos, métodos de extracción, ou estudos de calidade do produto obtido. Tamén incluirá unha xornada durante a que se realizarán unhas prácticas de campo.

A día de hoxe China, un dos países con maior produción deste produto, non só deixou de exportar resina natural de pino, senón que é demandante desta substancia e, debido ao incremento actual do prezo dos transportes, atopámonos con que xa non resulta rendible importar resina de Brasil. Por outra banda os/as profesionais na materia defenden que a resina de pino da nosa zona ten unha calidade moi apreciada a nivel de mercado.

Polas razóns anteriormente comentadas pode resultar interesante recibir esta formación que permite obter coñecementos específicos para realizar a extracción do produto de forma respectuosa coa árbore e ao mesmo tempo maximizando a rendibilidade na extracción. Na nosa comunidade autónoma este traballo está en vías de converterse nunha actividade con moita saída profesional que permitiría traballar tanto por conta allea, en empresas como a que imparte a formación, como por conta propia.

Para realizar a inscrición pode acudirse persoalmente á recepción do Concello, chamando por teléfono ao 986 61 00 00, ou enviando un correo electrónico a [email protected] indicando nome completo, DNI e número de teléfono. O curso ten prazas limitadas e para cubrilas atenderase de xeito estrito á orde de inscrición.