O Concello da Guarda, unha vez máis, vén de solicitar da Xunta de Galicia que atenda as demandas que se fan por parte dos e das profesionais que desenvolven o seu traballo no Centro de Saúde do municipio, un “servizo de saúde pública que ven sendo deficiente dende hai anos”. En distintas ocasións, tanto dende o concello como dende o propio Centro de Saúde, trasladáronse demandas de mellora, aos responsables do SERGAS.
Dende finais do pasado ano 2019 ata que se declarou o estado de alarma pola alerta sanitaria provocada polo COVID-19, os veciños e veciñas da Guarda, xunto con persoal do centro, estiveron facendo concentracións todos os xoves ás 12 da mañá, pedindo melloras que permitiran un funcionamento normal do centro e unha correcta atención sanitaria aos usuarios do mesmo.
Dende que se declarou o estado da alarma ata a actualidade suspendéronse as reivindicacións de veciños e persoal do Centro, neses momentos había que centrarse na alerta sanitaria que estabamos a padecer.
O que está sucedendo na fase de desescalada na que nos atopamos é que a dotación de recursos humanos ao centro, lonxe de mellorar, sigue sendo precaria, con indicios de empeoramento cara ao futuro inmediato.
Por este motivo, o persoal do centro de Saúde fai pública unha carta na que describe esta situación de precariedade laboral (que se pode ler na súa integridade nesta ligazón), o que dificulta a atención sanitaria adecuada. A reestruturación provocada pola pandemia do coronavirus ven a agravar máis a situación.

A reestruturación mencionada hai que engadir os problemas que ven padecendo o Centro de Saúde dende fai anos: baixas prolongadas que se substitúen de forma parcial por curtos períodos de tempo. Tardes nas que en lugar dos tres médicos que corresponde só hai un atendendo. Un servizo de urxencias cun só equipo en lugar de dous, o que provoca longas ausencias dos sanitarios por atención domiciliaria ou traslados ao hospital. Un servizo de enfermería que non cumpre co ratio dun enfermeiro por cada médico. E así un longo etcétera que o persoal do Centro enumera na carta e que os veciños e veciñas da Guarda veñen sufrindo cunha atención deficiente.
Coa reestruturación pola pandemia a situación agravarase se non se reforza o cadro de persoal, tanto de profesionais médicos, como de enfermería e administración. Agora que se vai recobrando a normalidade sanitaria é necesario seguir controlando a entrada e os aforos, e dar asistencia a toda a atención ordinaria que quedou suspendida, sobre todo a de patoloxías crónicas. Ademais coa chegada do verán aumentará o número de persoas desprazadas á localidade co conseguinte aumento na carga de traballo. Se o SERGAS non subsana as deficiencias na dotación de persoal no Centro de Saúde da Guarda para atender a poboación de forma adecuada, haberá moitas dificultades no verán e sobre todo, no outono, por causa da gripe estacional.