Domingo, 4 Maio de 2025

A Guarda aposta pola reforestación do Camiño de Santiago con especies autóctonas

O Concello da Guarda desenvolverá unhas xornadas medioambientais, ao abeiro do programa ‘O Camiño Aguárdate’ presentado hai uns días, nas que amais dunha andaina, inclúese unha actividade de reforestación en colaboración A Jalleira AFEA e a Comunidade de Montes de Camposancos.

‘O Camiño Aguárdate’, é un proxecto que nace coa idea de promocionar, dinamizar e pór en valor todos os atractivos do Camiño Portugués da Costa ao seu paso pola Guarda con iniciativas que inclúen Xornadas Divulgativas, unha Xornada Medioambiental e Visitas Teatralizadas.

As Xornadas Medioambientais desenvolveranse os días 6 e 7 de decembro e inclúen unha andaina guiada entre A Pasaxe e un espazo do Monte Santa Trega onde se realizará unha reforestación, que será a segunda actividade proposta. Todas as persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o 5 de decembro enviando un correo a [email protected] ou chamando ao 986 614 546. As prazas son limitadas.

A andaina percorrerá un treito do Camiño de Santiago entre A Pasaxe e A Sangriña, que se correspondería coa entrada en Galicia do Camiño Portugués pola Costa. Nesta ruta falarase sobre a temática das especies invasoras ao longo do camiño e os métodos para a súa erradicación, dando a coñecer as especies autóctonas forestais que convivían antigamente no camiño.

A actividade pecharase cunha plantación de especies autóctonas nunha parcela cedida pola Comunidade de Montes de Camposancos, na que se ensinará e explicará os asistentes a forma correcta de plantación e do seu posterior mantemento.