Sábado, 3 Maio de 2025

A Guarda aposta pola eficiencia enerxética e cambiará por led de baixo consumo todos os puntos de luz do alumeado público

Para financiar este proxecto o concello da Guarda conseguiu acceder directamente a unha axuda europea a través do IDAE (Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía).

O concello da Guarda formalizou o contrato de ‘Renovación e mellora da eficiencia enerxética do alumeado público do concello da Guarda’. A empresa concesionaria, New Energy Concept 2020 S.L. , disporá de 5 meses, dende a sinatura do contrato, para completar a actuación. O importe do proxecto ascende a 862.497,91 € dos cales o IDAE (Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía) subvenciona un 80% e o concello un 20 %.

Para financiar esta actuación o concello conseguiu acceder directamente a unha axuda europea. Trátase dunha concesión directa de subvención a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono, no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020.

A execución do proxecto permitirá actuar sobre 1881 puntos de luz, a renovación de 57 cadros, cambios de cableado deteriorado, cambios de brazos e caixas de derivación en mal estado e mellora en tomas de terra para dar máis seguridade a instalación.

Os resultados esperados, dende o punto de vista económico e de aforro enerxético, son unha redución da potencia instalada en 158,53 kW (58,8 %), unha redución do consumo anual de enerxía eléctrica en 788.695 kWh/ano (67,72 %), unha redución do custo anual do consumo de enerxía de 67,7 % o que representa 86.746 € e unha redución no custo de mantemento valorada en 18.810 €.

Dende o punto de vista medioambiental prodúcese unha importante redución das emisións de CO2, estimada nun 67,72 % o que equivale a que se deixan de emitir 412,87 tCO2 eq/ano. A isto hai que engadir a posibilidade de diminuir a contaminación lumínica grazas a implantación dun sistema de telexestión punto a punto que permite un control da iluminación en función das necesidades.

O cambio das luminarias do concello da Guarda inflúe directamente sobre ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible) ao actuar sobre o clima e a sustentabilidade da comunidade. A súa vez esta actuación é unha das medidas chave do PACES (Plan dos Alcaldes Polo Clima e a Enerxía Sostibles). Plan aprobado polo concello da Guarda o pasado mes de novembro de 2020 no que o concello se compromete, xunto con outros moitos gobernos locais do mundo, a cumprir cuns determinados obxectivos en materia de clima e enerxía.