25.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaA “Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira” deixa atrás a pandemia...

    A “Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira” deixa atrás a pandemia con cifras similares a 2019

    A trixésima edición do evento gastronómico de referencia na Guarda pechouse o domingo coun concerto memorable da cantante Erea Castro na Praza de San Benito.

    A trixésima “Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira” congregou na Guarda do 1 ao 3 de xullo a centenares de veciños e visitantes que non quixeron perderse o regreso tras a pandemia dunha das festas gastronómicas máis populares de Galicia. Reivindicar os produtos e elaboracións propias dunha vila mariñeira e unir esa reivindicación a un potente programa cultural, con actividades para todas as idades, foi o gran acerto do Concello da Guarda nesta edición postpandémica da celebración.

    Non é estraño, entón, que o evento repetise resultados de 2019, unha das edicións máis exitosas de toda a súa historia, con preto de 350 quilos de lagosta vendida só na carpa, polo que se prevé un número notablemente maior cos pedidos realizados ao longo destes tres días polos restaurantes locais. Como anécdota, sinalar que este ano aumentou de forma considerable o consumo de nécoras, que competiron en sabor coa raíña da festa.

    ‘A Boalleira’ camiño da carpa

    A XXX “Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira” arrincou o pasado venres na Praza de San Benito coa entrega das súas renovadas Lagostas de Ouro a tres organizacións locais: a Confraría de Pescadores Santa Tecla, polo seu traballo a favor da pesca artesanal e o marisqueo; a Asociación de Redeiras Atalaia, polo seu esforzo á hora de dar visibilidade e dignificar o traballo das mulleres do mar; e a Organización de Palangreiros Guardeses, pola súa achega á dinamización da economía guardesa. Por iso, a exitosa edición de 2022 clausurouse no mesmo escenario.

    A protagonista da noite de onte foi a cantante Erea Castro, que deleitou aos numerosos asistentes cunha voz marabillosa e un estilo persoal no que teñen cabida diferentes estilos musicais. Entre eles, o fado, do que é unha das súas máximas expoñentes. Tras ela, o grupo de gaitas A Boalleira foi o encargado de amenizar a última noite da festa. E se falamos de música, imposible non facer referencia ao Festival Mar de Blues que, segundo anunciou o propio alcalde, Antonio Lomba, terá unha terceira edición. As noites musicais na Praza do Reló foron, sen dúbida, un dos pratos fortes do evento gastronómico, xa que atraeron a amantes deste xénero musical de toda España debido ao prestixio dos músicos que participaban.

    Os outros protagonistas da celebración

    A festa guardesa contou con outros importantes atractivos, máis aló da gastronomía e da música en directo. O “Piueiro”, o volanteiro tradicional cunha tripulación formada por mariñeiros xubilados da Guarda, non parou de realizar travesías ao longo de toda a fin de semana; mentres que a mascota “Lagosta Castrexa”, deseñada con motivo do trinta aniversario da festa e que ocupou boa parte das actividades destinadas aos máis pequenos, triunfou e converteuse na compañeira ideal dos selfies de nenos e maiores.

    A suma de todos estes factores provocou o éxito desta cita organizada polo Concello da Guarda, que se envorcou nesta “celebración da vida”, como dixo o alcalde Antonio Lomba na súa inauguración. A paréntese da pandemia xa quedou atrás e a “Festa dá Lagosta e dá Cociña Mariñeira” renace con todas as virtudes previas e engadindo unha riqueza cultural que augura un crecemento exponencial en futuras edicións. Sempre coa idea de que cada guardés senta orgulloso da súa vila e de que cada visitante queira regresar.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.