Mércores, 7 Maio de 2025

Os catro concellos da comarca da Paradanta reciben achegas da Deputación para fomentar a igualdade e previr as violencias machistas

O total das subvencións roza os 19.000 euros destinados a Arbo, A Cañiza, O Covelo e Crecente

A Deputación de Pontevedra vén de conceder subvencións por un total de 18.899,01 euros aos catro concellos da comarca da Paradanta coa fin de fomentar a igualdade de oportunidades e previr a violencia de xénero. Os concellos de Arbo, A Cañiza, O Covelo e Crecente beneficiaranse destas achegas coas que levarán a cabo diversas accións nos seus territorios.

En concreto, Arbo realizará a súa primeira carreira pola igualdade, aproveitando a ocasión colocará unha mesa de sensibilización, e un acto conmemorativo do 25 de novembro grazas a 4.883,10 euros chegados da Deputación. O concello da Cañiza contará con 2.964,70 euros que destinará a “Tecendo redes cara a igualdade 2020”, onde se enmarcan diferentes actuacións como cursos de defensa persoal ou contos para crianzas. Para O Covelo foron concedidos 5.911,11 euros para desenvolver distintas actividades recollidas no segundo plan de igualdade municipal como incorporar a linguaxe non sexista na comunicación e no sitio web do concello. No que respecta a Crecente, grazas a unha achega de 5.140,10 euros, levaranse a cabo varias actuacións como unha tertulia en feminino e un cine forum con perspectiva de xénero así como unha actividade co alumnado titulada “Cambia o conto”. Estas axudas da Deputación de Pontevedra, destinadas a concellos de menos de 20.000 habitantes, contan na súa quinta edición cun orzamento de 230.000 euros, 10.000 máis que o pasado ano, e delas beneficiaranse 44 concellos da provincia, un máis que no 2019. O obxectivo destas subvencións é traballar en estreita colaboración cos concellos para que impulsen e realicen actuacións de cara a conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria e que loite contra as violencias machistas, tanto no eido da concienciación como no da formación. Esta cooperación entre institucións é fundamental ó tratarse dos niveis máis próximos á cidadanía e polo coñecemento que os concellos teñen da súa poboación.