O BNG desenvolverá dende a Xunta un ‘Plan de equilibrio territorial’ para actuar nos territorios da Galiza cun nivel de renda máis baixo como os concellos da Paradanta, Ourense ou o interior de Lugo. O cabeza de lista do Bloque Luís Bará así o comprometeu nunha reunión con diferentes colectivos en Covelo, onde destacou que o goberno galego co BNG á fronte realizará investimentos públicos e actuacións de discriminación positiva para mellorar os servizos públicos de todo tipo co fin de corrixir o desequilibrio existente con respecto outras áreas máis urbanas e desenvolvidas.
Asegurou tamén o nacionalista que o goberno do BNG porá en marcha un novo ‘Plan de dinamización económica’ para o territorio mediante o fomento dos sectores tradicionais do sector primario, agrario, gandeiro, forestal, e tamén de novas actividades económicas que xeren emprego no territorio, ben actividades de carácter máis industrial ou de transformación das cadeas de valor.
O cabeza de cartel, acompañado das tamén candidatas pola provincia Cristina Fernández e Rocío Barreiro e Xosé Luís Rivas Cruz ‘Mini’, ata agora voceiro de Medio Rural do BNG no Parlamento Galego, subliñou a aposta do Bloque pola reactivación do rural e a urxencia de dotalo de servizos para desenvolver unha vida de calidade con prestacións semellantes ás que hai nas áreas urbanas en canto á sanidade, telecomunicacións, auga, ou saneamento, entre outros. “Nós queremos un rural forte, queremos que renaza do desleixo e esquecemento do Partido Popular, que só o menciona nas súas campañas de comunicación, dixo

Dende o punto de vista económico o nacionalista falou de dinamizar actividades tradicionais do sector primario en ámbitos estratéxicos como o agrogandeiro e o forestal. Neste sentido destacou que é de vital importancia recuperar terra agraria, xa que existe unha grande superficie de terra útil sen aproveitar, subliñando o proxecto do BNG para mobilizar 100.000 hectáreas para aproveitamentos diversos e o potencial do monte seguindo un modelo multifuncional, impulsando a cadea de valor monte-madeira.
Ademais dos aproveitamentos tradicionais, Bará puxo sobre a mesa a promoción de actividades non vencelladas ao sector primario (como o turismo, artesanía, telecomunicacións…) para incentivar a volta ao rural e atraer xente nova.
Como medida estrela, Bará falou do ‘Ticket rural’, unha axuda de 15.000 euros durante cinco anos para quen se estableza con actividades que diversifiquen o tecido económico, asentando proxectos e de emprego, sempre con asesoramento.
Subliñou o cabeza de lista que o BNG dará beneficios fiscais para persoas autónomas, coa rebaixa ou eliminación das cotas, que pasarían a ser compensadas dende o goberno galego ao ser estatais. Finalmente, falou do impulso que un goberno do Bloque dará para reformar os organigramas da administración para apoiar as actividades no territorio, creando oficinas con persoal para asesorar sobre modelos de negocio ou enerxía, entre outros.