Co fin de ultimar o convenio de colaboración para a realización dun plan estratéxico empresarial para o desenvolvemento económico do Concello da Cañiza, o delegado do Estado para a Zona Franca de Vigo, David Regades e o alcalde da Cañiza, Luis Piña, mantiveron unha xuntanza de traballo na sede da Zona Franca de Bouzas.
A Zona Franca, a través do seu prestixioso servizo de información económico, ARDÁN, realizará un estudo económico que pretende detectar fortalezas e debilidades para establecer políticas adecuadas para aumentar a rendibilidade e competitividade do sector empresarial da zona.
ARDÁN é un dos servizos máis singulares de Zona Franca. É a área encargada de prover ao tecido empresarial galego de estruturas de coñecemento. Ao longo dos seus 26 anos de vida, xeráronse bases de datos, informes e indicadores cuxa utilidade transcende os obxectivos estritamente empresariais para penetrarse mesmo no perímetro de interese dos deseñadores de políticas públicas.
Non é a primeira vez que este servizo de información da Zona Franca realiza este tipo de estudos. Recentemente, presentouse o terceiro Informe Sectorial da Industria e Comercialización de Produtos Pesqueiros, elaborado coa colaboración de CONXEMAR (Asociación Española de Almacenistas, Importadores, Transformadores e Exportadores de Produtos da Pesca e Acuicultura). O documento recolle a realidade do sector en España a través dos datos que o servizo de información empresarial do Consorcio, Ardán, procesou minuciosamente e no que se pon de manifesto a potencialidade do sector.
O Delegado de Zona Franca, David Regades, puxo de manifesto a importancia de contar con datos fiables e ben estruturados, como os que ten Ardán, xa que “son moi útiles tanto para o concello da Cañiza como para as empresas á hora de dispoñer de información detallada e actualizada necesaria sempre á hora de planificar tanto as actuacións e os proxectos, como para extraer conclusións coas que poder deseñar políticas de futuro.”
Pola súa banda, o alcalde da Cañiza, Luis Piña, quixo destacar o grao de compromiso e de colaboración do Delegado da Zona Franca. “Estou convencido que o noso concello está nunha das mellores localizacións do Sur de Galicia cun engadido que é a proximidade co futuro desenvolvemento da PLISAN polo que consideramos moi interesante e necesario este estudo que servirá como guía fundamental para afrontar o futuro e asi lograr o asentamento empresarial coa consecuente creación de postos de traballo” indicou o rexedor.