Domingo, 26 Xaneiro de 2025

O Concello da Cañiza denuncia un novo “atentado e sabotaxe” á rede de abastecemento de auga

O responsable do servizo de auga do Concello atopou ás doce da noite, na inspección de rutina que se realiza aos tanques todos os días, novamente saboteado o sistema eléctrico do motor dun dos pozos que da servizo á rede municipal de augas de consumo do casco urbano

O Concello da Cañiza denunciou ante o Cuartel da Garda Civil da localidade o segundo “atentado e sabotaxe á rede de abastecemento de augas de consumo do casco urbano”. Tal e como denuncia o Concello que preside Luis Piña, o responsable do servizo de auga atopou ás doce da noite, na inspección de rutina que se realiza diariamente aos tanques, novamente saboteado o sistema eléctrico do motor dun dos pozos que da servizo á rede de abastecemento do casco urbano.

A parada  deste motor repercutiu tamén no aporte de auga ao depósito de cabeceira de Portoaugavella (un dos dous que forman parte da Rede de Abastecemento da Cañiza) que se vaciou deixando a rede en mínimos. De feito, o tanque de Portoaugavella atopábase baleiro e os fusibles dun dos pozos de barrena de aporte a este depósito, arrancados.

Click para ampliar

Ainda que as deficiencias da rede de abastecemento son un mal endémico dende hai 20 anos, o Concello leva xa meses traballando para dar a medio prazo unha solución definitiva a este problema. Con todo, nos últimos días os veciños do casco urbán están sufrindo a falta de auga nas súas vivendas, sen que polo de agora se poida atopar a avería ou  fuga de auga.

O pasado 21 de setembro o alcalde Luis Piña asinou un Bando polo que solicitaba a  colaboración cidadá achegando toda aquela información que poidera ser de axuda para solucionar calquera incidencia que afectara á rede de subministro de auga. Alentaba o rexedor local a que “calquera  usuario que tivera coñecemento de accións que poideran atentar ou afectar ao normal funcionamento da Rede de Abastecemento (fugas, roturas, rego indebido, etc) o fixeran saber ao Concello para poder actuar con urxencia”.

Piña lembrou esta mañá que o dano ás conduccións de aguas, a distracción do curso das augas e o desabastecemento deste ben como produto de primeira necesidade está tipificado no código penal.

“O atentado contra o suministro eléctrico dun dos pozos máis importantes da nosa Rede é un acto premeditado de sabotaxe que pon en risco o suministro de auga potable ás vivendas do núcleo”, afirmou o alcalde da Cañiza.