A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou onte o Concello para acompañar ao Alcalde Luis Piña na promoción do Xamón da Cañiza. Ademáis, aproveitando este encontro, o Alcalde invitou á Presidenta a visitar a mostra fotográfica e material que baixo o título “A Muller ao longo do tempo no concello da Cañiza” se expón no Salón de Plenos da Casa Consistorial ata o día 14 de agosto.
Un percorrido na liña do tempo dende finais do século XIX ata mediados do XX, no que se amosa en máis de 104 imaxes e 77 pezas de colección, as vivencias das mulleres no entorno da familia, no traballo, no seu tempo de lecer, na vida relixiosa e na escola e todos estes momentos baixo a dureza dun entorno rural que se percibe nalgunhas das fotografías expostas.
A presidenta provincial mostrou a súa satisfacción ante “unha iniciativa tan necesaria como ésta que visibiliza ás mulleres do Concello ao longo dos anos, así como a importante pegada do seu traballo en todos os eidos da vida diaria”. Carmela Silva aplaudiu o esforzo que desde o goberno local se está a facer “por poñer cara e nome a tantas mulleres invisibilizadas, ocultadas e negadas na historia, nun exercicio de reparación e memoria para recoñecer a todas as que tanto fixeron en cada pobo e vila, neste caso na Cañiza”
[su_image_carousel source=”media: 42927,42933,42924,42926,42932,42928,42925″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]
Unha das seccións da mostra máis interesantes é a de Mulleres Pioneiras no seu tempo. Neste recuncho a Presidenta Carmela Silva tivo a oportunidade de coñecer a dúas mulleres que deixaron unha impronta e pegada especial na historia da Cañiza. Dúas mulleres loitadoras e precursoras dunha sociedade máis igualitaria e máis xusta para as mulleres: Rita Eugenia Benedicta Fernández Queimadelos, que foi a 2ª muller titulada en Arquitectura en España, facendo parte dunha xeración de mulleres pioneiras que se foron incorporando paulatinamente a profesión a partires dos anos 30 e María Purificación Gómez González, cordobesa afincada na Cañiza, que no ano 1936 presidiu o Goberno Local, converténdose así na única muller, naquela época histórica, Alcaldesa dun Concello de Galicia.
Estas dúas mulleres acompañan na exposición a outras moitas que nos difíciles anos dende a perda das colonias de Cuba, Filipinas, Puerto Rico e Guam ata mediados dos anos 50 do século XX, en plena dictadura franquista, tiveron que soster as súas familias, ocuparse do coidado dos fillos e do fogar, traballar no campo e nos oficios propios da muller e coidar dos bens patrimoniais, que en moitas ocasións, nin siquera tiñan en propiedade e todo sen a axuda dos seus homes xa que nesa época histórica, especialmente convulsa, eran chamados a filas para loitar nos múltiples pronunciamentos militares que tiveron lugar.
Ao rematar a visita, a Presidenta da Deputación Carmela Silva asinou no Libro de Honra do Concello onde ratificou o seu compromiso coa Cañiza para traballar, dende a institución provincial, no seu progreso presente e futuro. O Alcalde agradeceu en nome de todas as veciñas e veciños da Cañiza este xesto de amizade.