10.8 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelNatalia Carou, «O mal querer»

    Natalia Carou, «O mal querer»

    «O mal querer» é a narración coa que Natalia Carou obtivo o ano pasado o Premio Vilar Ponte de Novela, organizado polo Concello de Viveiro. As obras precedentes de Natalia estiveron dirixidas ao público xuvenil e, malia que sempre me resultou difuso establecer unha fronteira clara a este respecto, coido que o caso de «O mal querer» será de moito proveito para os rapaces, pero considéroa tamén moi apta para o público adulto.

    A xente moza sentirase moi identificada coas personaxes que a protagonizan; Cibrán, Mario, Amanda, Kevin… son rapaces a piques de deixar atrás a adolescencia que, na maioría dos casos, deberán enfrontarse a un mundo bastante máis hostil que aquel que os rodeou ata o momento. Case todos eles proceden de familias ben asentadas dende unha perspectiva económica, mesmo poderiamos dicir que de clase moi alta. Pero por tras do luxo e o ouropel co que adobían as súas vidas agóchanse historias terriblemente duras que son o cerne do relato. Non podemos deixarnos cegar polo escintileo da vida acomodada, pois estamos diante dunha novela crúa, unha auténtica labazada de realidade, con momentos certamente terribles.

    O relato comeza cun violento enfrontamento entre Cibrán e Mario, que acaba co primeiro detido e acusado de intento de asasinato e, posteriormente, internado nun Centro de Menores. Alí establecerá contacto con Iria, unha psicóloga á que lle encargan facer un informe sobre o rapaz e que, aos poucos, irá descubrindo que nada é o que parece e que os papeis de vítima e verdugo non son tan claros como todo parece indicar. Deste xeito, verémonos involucrados nunha historia moi dura na que cuestións tan actuais como o acoso escolar, o maltrato, o machismo, a violencia, as drogas e o alcoolismo, e outros elementos igual de perniciosos (e aquí engadiríamos cuestións como a desidia familiar, as ansias de poder, as apariencias, mesmo a corrupción, por nomear só algunhas), constrúen os alicerces sobre os que se asenta esta novela.

    Pero nesta ambientación escura e terrible, hai unha luz de esperanza que ilumina a historia cunha forza enorme. Falamos dunha fermosa historia de amor entre dous dos seus protagonistas que, inicialmente intuída, se vai descubrindo ao longo de toda a novela. Pero falamos tamén da loita e o esforzo desenvolvidos pola psicóloga na procura do esclarecemento do caso e, sobre todo, e se sabemos ler entre liñas, da necesidade da solidariedade para que a sociedade camiñe por unha vía na que todos teñamos espazo, sen deixar atrás a ninguén.

    A escrita de Natalia Carou é diáfana e clara, sen exceso de adobíos que poidan chegar a confundir, polo que a lectura resulta doada e gratificante. No desenvolvemento da trama, a autora consegue arrastrar ao lector e mergullalo nas súas páxinas apoiándose, entre outros recursos, nos apuntamentos da psicóloga para o seu informe, o que axuda a afondar na personalidade do protagonista principal e do seu entorno. En resumo: unha historia ben dosificada coa que enfrontarnos a un entorno hostil mantendo a esperanza de cambialo.

    Natalia Carou

    O mal querer

    Baía edicións